Ir o contido principal
iniciar sesión

A Oficina de Voluntariado da USC abre a súa novena convocatoria de actividades

A Oficina de Voluntariado da USC mantén aberto ao longo de todo do mes de outubro o prazo de inscrición na súa IX convocatoria de actividades en voluntariado social. As inscricións para colaborar como voluntario da Universidade poderán realizarse na oficina situada no edificio Jimena Elisa Fernández de la Vega (Casas Reais, 8), presentando dúas fotografías tamaño carnet e unha fotocopia do DNI. Para esta convocatoria ofértanse arredor de 500 prazas para os dous campus.
Os futuros voluntarios poderán elixir entre distintos ámbitos como son o das minorías étnicas, con actividades de actuación referidas á alfabetización de mulleres e adolescentes de etnia xitana, de integración de inmigrantes estranxeiros así como de nenos de familias inmigrantes ou de seguemento telefónico de persoas que solicitaran axuda para a búsqueda de emprego; de voluntariado e maiores, a través do desenvolvemento de accións de axuda a domicilio complementaria, teleasistencia domiciliaria, ocio e tempo libre con maiores, ou alfabetización de adultos.; no ámbito unversitario, colaborando no apoio a estudantes de nova incorporación ou nos programas de integración universitaria; nas accións do ámbito hospitalario e da saúde, menores, así como en campañas de sensibilización, voluntariado cultural, ou apoios persoalizados, entre outros.

Curso de formación
Así mesmo, a Oficina do Voluntariado da USC desenvolverá a segunda edición dos Cursos de formación básica en voluntariado que permitan aos voluntarios un mellor servizo na organización non lucrativa na que colaboren e un maior aproveitamento persoal das súas actividades. O prazo de inscrición estará aberto ata o 29 de outubro. Estes cursos, de 60 horas de duración e que serán recoñecidos con dous créditos de libre configuración, teñen carácter obrigatorio para todos os membros da comunidade universitaria que desexen colaborar como voluntarios, estando abertos a todas aquelas persoas interesadas nos diferentes temas relacionados co voluntariado, a participación social e a integración universitaria. As temáticas a abordar nestas xornadas incidirán en aspectos relativos á acción voluntaria no ámbito da saúde, os trastornos alimentarios, adicións e consumos nocivos, voluntariado e marxinación, cooperación ao desenvolvemento e voluntariado ou accións no ámbito ecolóxico e do medio natural, entre outros. O prezo da matrícula é de 50 € que para aqueles rexistrados na Oficina do Voluntariado que manteñan unha colaboración durante o curso académico de alomenos 60 horas (2 horas semanais) seránlles reembolsados posteriormente.
Gabinete de Comunicación USC