Ir o contido principal
iniciar sesión

Comeza a actividade académica na Universidade de Santiago

A actividade académica do novo curso 2004-2005 da Universidade de Santiago comeza co inicio das clases en todas as titulacións a pesar de que o proceso de matrícula, que se pode formalizar a través de internet, continúa aberto ata finais deste mes para todas as titulacións sen límite, algunhas con límite e para continuación de estudos. Así, as clases correspondentes ás titulacións con planos de estudos estructurados en créditos desenvolveranse ata o 27 de xaneiro no primeiro cuadrimestre e entre o 21 de febreiro ao 10 de xuño no segundo. Para estas titulacións os exames terán lugar entre o 31 de xaneiro e o 19 de febreiro e entre o 13 de xuño e o 8 de xullo. No caso dos planos de estudos non estructurados en créditos as clases rematarán o 31 de maio de 2005. Os exames para estas titulacións serán entre o 1 de xuño e o 8 de xullo. Segundo o calendario previsto, as actividades académicas docentes interrumpiranse dende o 23 de decembro de 2004 ata o 9 de xaneiro de 2005, e os días 7 e 8 de febreiro e dende o 21 ao 28 de marzo de 2005. Ademais, terá carácter festivo o día 28 de xaneiro de 2005 pola celebración de San Tomé de Aquino.
Xornadas de presentación para novos alumnos
Para os alumnos de novo ingreso a USC organiza unhas xornadas de prensentación que deron comezo na Facultade de Ciencias da Educación para os alumnos dese centro e da Escola de Enfermería e que estiveron presididas pola vicerreitora de Estudantes e Relacións Institucionais, Elena Vázquez. Trátase con elas de amosar aos novos estudantes os valores que a USC pon á súa disposición no lecer, social e cultural, ademais dos múltiples servizos que a institución académica lles ofrece. O obxectivo das xornadas é, ademais da presentación dos equipos directivos dos centros e dos planos de estudo, achegar aos estudantes cumprida información sobre os servizos que pon á súa disposición a USC, as accións de mellora levadas a cabo e a oferta en materia de formación e lecer. As presentacións corren a cargo de profesores, técnicos, persoal de administración e servizos e membros do Consello de Dirección da USC.
Gabinete de Comunicación USC