Ir o contido principal
iniciar sesión

A Aula de Teatro do Campus de Lugo programa cinco obradoiros para o presente curso académico

Nesta edición, as actividades previstas pretenden consolidar os lazos establecidos pola Universidade cos axentes implicados na promoción da arte dramática na cidade porque é necesario que a xente que fai teatro se implique, en palabras do director da Aula de Teatro da USC, Roberto Salgueiro. Para acadar este obxectivo, os obradoiros serán dirixidos por profesionais vinculados a Lugo como Ana Carreira, Cecilia Carballido, Marga Portomeñe ou Paloma Lugilde. O traballo da Aula de Teatro da USC no Campus de Lugo comezará o 8 de novembro coa apertura do Obradoiro de Arte Dramática. A dirección desta actividade recaerá por segundo ano consecutivo en Paloma Lugilde. Os interesados poderán matricularse nesta iniciativa dende o vindeiro luns, día 18, na Vicerreitoría do Campus de Lugo. No mes de novembro, tamén comezará un curso de iniciación teatral no que se abordará o xogo dramático. Cecilia Carballido será a encargada de impartir este seminario, no que se tratarán aspectos como a escolla do texto, a expresión corporal, o proceso de ensaio ou a improvisación. As clases terán lugar todos os luns lectivos dende o 8 de novembro ata o 14 de marzo. Xa no 2005 desenvolveranse outros tres seminarios dramáticos nos que se fará unha introdución ás técnicas dos contacontos; á construción e manipulación de monicreques e ás compañías de marionetas. Os responsables destes tres cursos serán Ana Carreira, Marcelino de Santiago e Isabel Rey, e Marga Portomeñe.
Espazo de Danza
Pola súa banda, o Espazo de Danza do Campus de Lugo recolle na súa programación para o curso 2004/2005 un obradoiro de danza clásica e outro de danza infantil. No primeiro deles, os participantes adentraranse nos aspectos básicos da danza como a coordinación entre movemento e música ou a expresión corporal a través do ritmo. Estas aprendizaxes serán postas en escena no segundo cuadrimestre do curso cando participen no III Encontro Europeo de Danza Universitaria, organizado pola USC. A matrícula neste obradoiro rematará o vindeiro 22 de outubro. Ademais, o Campus de Lugo tamén acollerá dende o vindeiro 26 de outubro un obradoiro de danza infantil, no que os cativos participantes aprenderán a ténica da danza clásica e de repertorio, coñecementos que poderán levar a escena a finais de curso no Festival de Danza Clásica Infantil.
Gabinete de Comunicación USC