Ir o contido principal
iniciar sesión

O Sónar Galicia complementa o seu programa con cinco novas actuacións en A Coruña en xuño

O festival Sónar Galicia 2011, que terá lugar o 17 e 18 de xuño na Coruña, suma novas incorporacións á súa programación. O Festival Internacional de Música Avanzada, que tamén se celebrará en Barcelona entre o 16 e o 18 de xuño, levará á cidade herculina a M.I.A., unha figura clave no panorama actual da música electrónica que ofrecerá en Sónar as súas únicas actuacións deste ano en España.

Ao cartel de Sónar Galicia tamén se suman o sudafricano Die Antwoord, que presentará a súa proposta musical na que se atreve co rap, o pop ou o eurobeat, e os australianos Cut Copy. Xunto a eles tamén estarán Boys Noize, que presentarán un potente show audiovisual, e Buraka Som Sistema. O abono para Sónar Galicia pode adquirirse ata o próximo luns, 28 de febreiro, a un prezo reducido de 60 euros. A partir do 1 de marzo, terá un prezo de 65 euros e xa se poderán comprar as entradas dunha noite, que custarán 35 euros.

O festival de música electrónica volve a Galicia este ano para consolidar a súa segunda sede na Coruña trala exitosa primeira experiencia do 2010, cando se desdobrou o festival en dúas cidades distintas nun mesmo fin de semana. A celebración desta segunda edición será posible grazas á colaboración de Avanced Music e a Consellería de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia.

En 2011, Sónar Galicia combinará grandes shows de artistas internacionais de recoñecida traxectoria con propostas de corte vangardista e experimental, sempre poñendo unha mirada atenta sobre a musica feita en Galicia. Por segundo ano consecutivo, o recinto de ExpoCoruña será o escenario de máis de vinte actuacións, entre concertos e DJ’s, de artistas do panorama nacional e internacional. Magnetic Man, a primeira mega-banda da xeración dubstep, será unha das grandes atraccións desta nova edición do festival, tanto na Coruña como en Barcelona. Este trío británico, composto polos produtores e DJ’s Benga, Skream e Artwork, é considerado como a primeira formación de dubstep para as masas. Xunto a Magnetic Man, no cartel de Sónar Galicia tamén destaca o grupo Underworld, unha das formacións máis importantes na historia da música electrónica, ou Salem.

A primeira edición de Sónar Galicia, celebrada entre o 17 e o 19 de xuño de 2010 con motivo da celebración do Ano Santo, pechou as súas portas cun importante éxito de público tras reunir a máis de 14.000 persoas. Da man de Xacobeo 2010, Sónar Galicia ofreceu ao público galego tres xornadas de música avanzada e arte multimedia nas que se apostou decididamente polos representantes dos novos sons de Galicia.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia