Educación presenta cifras e fala dunha reducción importante de universitarios
O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, vén de presentar a nova Guía do Sistema Universitario de Galicia, que non se editaba desde o 2003. No acto celebrado en San Caetano estiveron presentes o secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro; a subdirectora xeral de universidades, Beatriz Soutelo, e o xefe do servizo de estudantes da universidade, José Luis Villar, que é o responsable da edición de dita guía.Un documento, que tal e como sinalou o conselleiro “pretende ser un importante recurso de orientación que lles facilite aos estudantes de novo ingreso a súa incorporación á universidade, para darlles a coñecer todas as posibilidades que o Sistema Universitario de Galicia lles ofrece no seu proceso formativo”. E recordou que ademais ten como obxectivo servir de axuda e informar sobre os cambios e a reestruturación dos plans de estudos de grao e posgrao, postos en marcha coa implantación do Espazo Europeo de Educación Superior (EEES), que xa é aplicada en todas as universidades españolas no presente curso académico.
Durante a presentación Vázquez Abad sinalou que todos os implicados na educación universitaria son a base do Sistema Universitario galego “tanto desde unha perspectiva docente como investigadora, pero tamén do importante labor que aínda está por desenvolver e do camiño a andar para cumprir coa obriga de satisfacer as expectativas de futuro dos nosos estudantes universitarios e da sociedade galega no seu conxunto”.
O contido da Guía
A guía presentada encóntrase dividida en nove capítulos, que facilitan o seu emprego para poder acceder de forma máis sinxela ao apartado que se precise. Deste modo as dúas primeiras partes están centradas na presentación e explicación do EEE, así como de Boloña e da súa estrutura. Doutra banda o terceiro e cuarto apartado dan a coñecer a oferta de titulacións e de ensinanzas de grao e posgrao (onde se inclúen as equivalencias dos antigos estudos) dentro do sistema universitario galego.
Do mesmo modo o quinto capítulo fai referencia á oferta de graos no SUG, e o sexto dá conta de todos os existentes nas universidades españolas.
Os apartados sétimo e oitavo van dirixidos ao alumnado, ao que se lle informa das probas de acceso á universidade e o ingreso nos centros universitarios do SUG.
Ademais dáse información sobre as bolsas, axudas e premios da Consellería e do Ministerio de Educación así como de outras administracións. Os últimos capítulos do libro están dedicados ás residencias universitarias, enderezos de interese, así como a información xeral de interese para os estudantes.
Datos estatísticos do SUG
Tras a presentación da Guía do Sistema Universitario de Galicia o conselleiro, que estivo acompañado polo secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro, informou de os últimos catro libros de datos estatísticos do SUG, desde o curso 2005 ata o actual, xa están a disposición de todos aqueles que os queiran consultar.
En relación a estes catro libros Vázquez Abad recordou que “coa súa publicación ponse en coñecemento da sociedade os datos estatísticos que nos ofrecen unha realidade obxectiva do noso sistema universitario”, e recordou que “os datos inclúen referencias ao alumnado universitario, o persoal docente e investigador e o persoal de administración e servizos”. Asemade o conselleiro recordou que “estas publicacións son unha ferramenta para posibilitar o deseño e avaliación de políticas universitaria a prol dunha maior eficiencia dos recursos públicos”.
Tanto a Guía do SUG como os libros cos datos estatísticos poden ser consultados a través da páxina web da Consellería de Educación. Ademais haberá exemplares da Guía en preto de cincocentos centros de bacharelato de formación profesional, así como nas oficinas de información xuvenil de 315 concellos. Do mesmo xeito tamén estarán nas universidades e na Comisión Interuniversitaria do Sistema Universitario Galego (CIUGA), en centros de formación e recursos e en bibliotecas Nodais, na Cidade da Cultura entre outros espazos.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia

