Ir o contido principal
iniciar sesión

José Ángel Cid, alumno de terceiro ciclo da USC, acada o Premio para a promoción de novos investigadores da Fundación Caixa Galicia e a Real Academia Galega de Ciencias

O traballo, premiado con 6.000 euros, leva por título Existencia de solución para un sistema infinito de ecuacións diferenciais funcionais discontinuas a través do Teorema do punto fixo de Tarski. Na investigación, a través do clásico Teorema do punto fixo de Tarski (1955), que garante a existencia dos puntos fixos extremais para calquera operador crecente definido nun retículo completo, esténdese un resultado de existencia de solución para unha ecuación diferencial escalar a un sistema infinito de ecuaciónns diferenciais, admitindo dependencia funcional e discontinuidades. José Ángel Cid licenciouse en Matemáticas en 2000 pola Universidade de Santiago de Compostela especializándose en Matemática pura e acadando o Premio extraordinario de Licenciatura en Matemáticas correspondente ao curso académico 2000-2001. Cid é membro do proxecto de investigación Existencia e aproximación de solucións para ecuacións diferenciais e ecuacións en diferencias e do equipo de investigación español da Acción integrada entre España e Portugal Ecuacións funcionais non lineais. Os Premios de Investigación 2003 da Fundación Caixa Galicia e a Real Academia Galega de Ciencias véñense concedendo dende 1989 co obxecto de estimular e promocionar as áreas de coñecemento integradas na Academia. Os premios distribúense en diferentes categorías como son traballo de investigación, traballo publicado (ou en vías de publicación) na revista da Real Academia Galega de Ciencias correspondente ao ano da convocatoria e promoción de novos investigadores menores de 28 anos, que acadou o alumno da USC.
Gabinete Comunicación USC