Entregados os 54 Premios Fin de Carreira 2009-2010

Feijóo avogou por “seguir fortalecendo” o sistema universitario da comunidade autónoma. “É xusto que recoñezamos a importancia dos alicerces que o fixeron posible e que están –ademais de nas familias- na nosa Universidade. E é necesario que nos comprometamos a seguir fortalecendo eses alicerces para as xeracións vindeiras”, incidiu.
Neste contexto, Feijóo subliñou que “o novo tempo universitario xa se está construíndo” a través de “tres instrumentos básicos”. O primeiro, o Plan de Financiamento do Sistema Universitario Galego 2011-2015 e a futura Lei de Universidades que, nos ámbitos económico e lexislativo, permitirán “un modelo organizativo máis competitivo, integrador e racional”.
O segundo, os “dous Campus de Excelencia Internacional” –o Campus Vida da Universidade de Santiago, e o Campus do Mar de Vigo- que “consolidan as estratexias de investigación abertas en campos como a biomediciña e o espazo marítimo”. E finalmente, o Plan I2C, que “considera a Universidade galega, xunto coas empresas que innovan, como un dos piares fundamentais para intensificar a aposta pola investigación e a innovación”.
Así, o presidente galego sinalou que “cun sistema universitario máis forte, Galicia ensánchase e todos os galegos temos máis motivos para sentirnos orgullosos do que somos”, ao tempo que resaltou a figura dos premiados, “que son a ilustración de que Galicia é un gran país cun gran capital humano que fai posible crer no seu futuro”. “O reto é que esa enerxía individual se transforme en enerxía colectiva”, engadiu o presidente galego remarcando o valor do coñecemento como factor diferenciador por enriba de compoñentes económicos ou sociais.
“Felicítovos, plenamente consciente de que non se chega a un sitio coma este se antes non se suou a camiseta. Xa tedes as receitas que vos farán o camiño máis levadeiro: excelencia profesional, pensamento crítico e conciencia cidadá”, concluíu.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia