Ir o contido principal
iniciar sesión

A Fundación Galicia Europa, na IV Feira Europea de Emprego cun stand propio

A Fundación Galicia Europa (FGE) participa cun stand propio na IV Feira Europea de Emprego que se celebra no Campus de Elviña da Coruña, o 11 e 12 de abril. O equipo da FGE informará aos asistentes sobre as distintas bolsas que convoca anualmente, dirixidas a formar aos mozos e mozas galegos nos asuntos comunitarios, e distribuirá exemplares da “Guía de prácticas e saídas laborais na Unión Europea e organizacións internacionais”, editada pola propia Fundación.

Ata a actualidade máis de 400 persoas teñen participado no programa de formación da FGE, que consta de cinco liñas principais: as bolsas sobre asuntos europeos dirixidas a titulados universitarios nas oficinas belga e compostelá da FGE; os masters de especialización na UE en centros universitarios belgas; as dotacións económicas para estudantes que estean a realizar prácticas non remuneradas nalgunha institución comunitaria; as estadías curtas en Bruxelas para o persoal dos membros do Padroado da Fundación; e unha bolsa sobre a xestión de proxectos europeos de I+D+i no ámbito sanitario.

Nestas xornadas, o equipo da Fundación repartirá exemplares da nova edición actualizada da “Guía de prácticas e saídas laborais na Unión Europea e organizacións internacionais”. Nela recóllense e sintetízanse as bolsas que ofrecen a FGE, as consellerías da Xunta de Galicia, entidades públicas ou privadas de prestixio, institucións da UE, e organizacións internacionais como a ONU, o FMI, a OMC, o Banco Mundial... e organismos dedicados á cooperación internacional, como a AECID, Cruz Vermella, Intermon Oxfam…

Ademais, a Fundación participará nunha das mesas redondas incluídas no programa da Feira. O asesor técnico da FGE, Luis Gago, intervirá no coloquio “Xuventude en Movemento” que se terá lugar o martes ás 11.30h na Facultade de Ciencias da Educación.

IV Feira Europea de Emprego

Este evento, organizado pola Universidade da Coruña-SAEE e Europe Direct Coruña co apoio do concello herculino e da Xunta de Galicia, busca reunir a empresas e organismos públicos co fin de promover a mobilidade laboral dos máis novos.

As entidades participantes orientarán e informarán sobre as oportunidades laborais e de formación aos visitantes, así como intervirán en cafés-negocios nos que se analizará a necesidade de dinamizar o emprego a nivel local, rexional e europeo.


Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia