Ir o contido principal
iniciar sesión

Galicia, terceira comunidade autónoma no medalleiro do Spainskills 2011

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, felicitou hoxaos estudantes galegos de Formación Profesional que participaron na Olimpiada de Formación Profesional Spain Skills 2011, que se celebrou en Madrid a principios de abril. Os alumnos galegos de FP lograron, nesta convocatoria, 4 medallas de ouro, 4 de prata, 4 de bronce e 3 premios da excelencia, cos que Galicia se situou como a terceira comunidade autónoma no medalleiro.

O titular do Goberno galego recibiu aos alumnos, aos seus titores e aos directores dos centros esta mañá no Parlamento, e durante a xuntanza desexoulles sorte aos dous estudantes galegos que representarán a España na competición internacional, que se celebrará en outubro en Londres: Guillermo González, do IES Vilamarín de Ourense na categoría de Servizo de Restaurante e Bar, e Sergio Suárez, do CIFP Porta da Auga de Ribadeo que competirá en Solado e Alicatado. Ademais, outros 11 alumnos galegos formarán parte da delegación que representará a España nesta competición.

Feijóo interesouse, no transcurso do encontro, polo proceso para chegar a competir no Spainskills e polo desenvolvemento da proba a nivel galego, e felicitou aos titores polo seu traballo preparando e motivando aos estudantes. Participaron na recepción ademais de estudantes do IES Vilamarín de Ourense e do CIFP Porta da Auga de Ribadeo, representantes do IES As Mariñas de Betanzos, IES Ferrolterra de Ferrol, IES Paseo das Pontes da Coruña, IES Politécnico de Vigo, IES Politécnico de Santiago, IES San Clemente de Santiago, CIFP Compostela de Santiago, IES Leixa de Ferrol, IES Frei Martín Sarmiento de Pontevedra, IES de Teis, en Vigo, e IES Isidro Parga Pondal, de Carballo.

Aposta pola FP

A Xunta ten apostado desde o principio da lexislatura pola Formación Profesional coa elaboración dun novo decreto de regulamento destes estudos que permite definir os currículos dos ciclos formativos de grao medio e superior de xeito que as novas titulacións se adapten ao mercado de traballo e ás necesidades profesionais da comunidade. A Consellería de Educación ven de dotar, ademais, por primeira vez, aos 11 Centros Integrados de Formación Profesional (CIFP) dependentes da Consellería dun regulamento adaptada ás súas características específicas, unha tarefa pendente desde o ano 2007.

O Goberno galego puxo en marcha no CIFP Politécnico de Santiago un viveiro dentro do Plan de emprendemento no sistema educativo Eduemprende, que ten como obxectivo fomentar o espírito emprendedor no ensino no universitario. Dentro da mesma estratexia, a Consellería de Educación convocou por segunda vez o concurso FP Idea, polo que se premiarán os mellores proxectos empresariais e as ideas máis innovadoras. O programa FP Avanza pretende, por último, achegar unha formación práctica sobre como materializar un proxecto innovador e nel poderán participar ata 200 alumnos de FP de toda Galicia.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia