Ir o contido principal
iniciar sesión

Dez novos deseñadores de moda amosan a súa creatividade en Dolce Vita

Un total de dez novos valores da moda galega exporán a súa obra no centro comercial Dolce Vita da Coruña, no marco do circuíto da creatividade xuvenil, unha iniciativa da Dirección Xeral de Xuventude dependente da Consellería de Traballo e Benestar.

O director xeral de Xuventude, Ovidio Rodeiro, inaugurou esta mostra. Cada finalista exporá a súa colección durante un período de doce días, polo que a mesma rematará en novembro.

Ovidio Rodeiro destacou que a promoción da creatividade xuvenil é un dos eixes de actuación prioritarios dentro da Estratexia Xuventude 2013, que engloba as políticas dirixidas á mocidade dende todos os departamentos da Xunta de Galicia.

No marco deste esforzo por promover aos novos valores, a Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado desenvolve unha serie de actuacións para divulgar a creatividade xuvenil galega en sectores tan diferentes como música, teatro, artes plásticas ou deseño de moda, co obxectivo de dar continuidade ao esforzo creativo a través da organización de exposicións, concertos e actuacións en diferentes localidades galegas.

O primeiro creador que mostrará a súa proposta no centro comercial Dolce Vita será Alberto Neves, con ‘Leche, principio del proceso de la desnaturalización’. O resto de deseñadores son Javier Nogueira, con ‘A ilusoria demencia de Juana I de Castela’; Diana Díaz, coa colección ‘We are’; Eva Soto, coa colección ‘Paxaros na cabeza’; Antía López, coa súa colección ‘About the shirt’; Raquel Pereiro, con ‘Melting pot’; María Fente, coa colección ‘El ángel azul’; Leticia Blanco, con ‘Oxford versus Cambridge’; Alba Bermúdez, con ‘Apollo 11’; e Isabel Piñar, con ‘Future - looking back’.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia