Ir o contido principal
iniciar sesión

Política Lingüística e Xuventude promoven dinamización do galego nos campamentos de verán

A Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado propoñen para este verán un programa de dinamización lingüística dirixido a fomentar o uso do galego entre a mocidade a través dos campamentos que organiza a Xunta de Galicia. Así o explicaron os responsables dos dous departamentos, Anxo Lorenzo e Ovidio Rodeiro, respectivamente, durante a sesión formativa que organizaron para lles presentar os materiais deste programa aos responsables dos campamentos.

O galego campa ten como obxectivo “impulsar o desenvolvemento en galego das actividades dos campamentos de verán e mais facilitarlles recursos aos monitores e monitoras para a realización de actividades que animen os rapaces e as rapazas a se expresaren nesta lingua”, asegurou Anxo Lorenzo durante a súa intervención.

Para isto, o programa conta con diversos materiais. O fío condutor da iniciativa constitúeo o disco Desaparafusador de gominola, que inclúe cancións divertidas e orixinais de diversos estilos musicais (funky, folk, rap...), interpretadas por profesionais da música galega de primeira liña, como son Pedro e Pablo Pascual, Guadi Galego, Najla Shami, Ramón Bermejo, Germán Díaz, Quim Fariña etc.

Propostas lúdicas para favorecer o xogo en galego

Este disco vai acompañado dunha proposta de actividades variadas para realizar nos campamentos, con dinámicas lúdicas que pretenden favorecer o desenvolvemento do xogo en galego por parte dos rapaces e das rapazas asistentes. Estas actividades, que na súa primeira edición teñen como destinatarios principais os nenos e nenas de 9 a 12 anos –aínda que útiles e axeitadas desde os 6 ata os 14– están deseñadas para ampliar as habilidades de comunicación oral en galego, practicar a expresividade neste idioma e fomentar a súa escrita a través de propostas lúdicas.

Xunto con estes obxectivos prioritarios, as actividades do programa tamén pretenden reforzar a cohesión grupal a través do xogo lúdico, traballar a expresión corporal, identificar a linguaxe musical coa estimulación, os sentimentos e as texturas, difundir o coñecemento sobre a música galega, traballar a escoita, a percepción e a observación, e potenciar a creatividade dos máis novos.

Os materiais do programa, accesibles na rede

A Secretaría Xeral Política Lingüística ten accesibles no seu web os materias de O galego campa co fin de que todos os monitores e as monitoras dos numerosos campamentos que se realizan en Galicia durante o verán poidan aproveitar os diversos recursos deste programa de dinamización lingüística. Os temas das cancións que conforman o CD Desaparafusador de gominola e mais as fichas das actividades, coa explicación detallada do seu desenvolvemento, poden descargarse a través do enderezo electrónico http://www.xunta.es/linguagalega/o_galego_campa.

Propostas de lecer para a mocidade

As franxas de idade máis novas constitúen unha prioridade na actuación da Xunta de Galicia. Ademais das iniciativas postas en marcha para a promover o uso do galego neste sector, o Goberno galego investirá este ano máis de 3,2 millóns de euros na campaña de verán dirixida á mocidade galega, a través da Consellería de Traballo e Benestar. Grazas a este investimento, a Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado incrementará nesta edición a oferta nun 4,5 por cento máis de prazas que en 2010, de xeito que chegará en 2011 ata as 9.300.

Ademais, cabe destacar que esta oferta permitirá a contratación de máis dun millar de mozos e mozas como monitores de tempo libre. A campaña de verán oferta prazas en campamentos para menores de 18 anos, para actividades para maiores de 18 anos; e para campos de traballo. Ademais, resérvanse prazas para descendentes de galegos e galegas residentes no exterior e para persoas discapacitadas, menores tutelados pola Xunta e fillos e fillas de vítimas da violencia de xénero para que tamén poidan participar nestas actividades.

Gabinete de Comunicación da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia