Ir o contido principal
iniciar sesión

As tres universidades galegas crean Redincuba para iniciativas emprendedoras

Tamén xurde como un elemento integrador que busca a cooperación dos axentes implicados na creación de novas iniciativas empresariais de cara á posterior consolidación de empresas no mercado.

A rede acaba de nacer logo da sinatura dos estatutos e da acta da asemblea constituínte nun acto celebrado no edificio Emprendia da USC coa asistencia dos representantes das oito institucións e entidades que a conforman: a incubadora de empresas da USC (UNINOVA), a Universidade da Coruña, a Fundación Universidade de Vigo, Tecnópole-Parque Tecnolóxico de Galicia, a Cidade Tecnolóxica de Vigo (CITEXVI), a Fundación CEL, o Centro de Empresas e Innovación CEI-Nodus de Lugo e o Centro de Iniciativa Empresarial A Granxa do Consorcio Zona Franca de Vigo (CZFV-CEI A Granxa).

Logo da presentación realizada polo reitor compostelán Juan Casares, como presidente da Rede, tomaron a palabra o seu homólogo de Vigo, Salustiano Mato, como vicepresidente primeiro, e o da Coruña, José Mª Barja, en calidade de vicepresidente segundo. Na sinatura da acta constitutiva interviñeron, ademais dos tres reitores, o alcalde de Lugo, José López Orozco, como presidente do CEI-Nodus; a delegada especial do Estado no Consorcio Zona Franca de Vigo,Mª Teresa Pisano, en representación do CEI A Granxa; o director xeral de I+D+i da Xunta de Galicia e o conselleiro delegado do Parque Tecnolóxico de Galicia, Ricardo Capilla; o xerente de CITEXVI, Manuel Joaquín Aranda; e o presidente executivo da Fundación CEL, Luis García Santalla.

A mellora dos procesos de transferencia de coñecemento e o fomento e consolidación de emprego altamente cualificado son dúas das prioridades coas que Redincuba inicia a súa actividade. Así o indicou o presidente da rede, Juan Casares, para quen ambos cometidos entroncan con obrigas propias das universidades coa sociedade.

O camiño entre as ideas e a súa posta en valor, “é un camiño de persoas”, subliñou pola súa banda Salustiano Mato que ademais valorou como fundamental a implicación das institucións para que as ideas “broten e sexan protexidas”. O reitor de Vigo avogou porque o sistema actual de incubadoras dean un salto cualitativo, para ser “algo máis que caseiros amables” e se ofreza “un valor engadido nesa etapa de ‘residencia’” que se traslade ao proxecto empresarial. Para Salustiano Mato Redincuba Redincuba é sinónimo de traballo en conxunto e “un exemplo claro de acoplamento intelixente”.

Nesta mesma dirección, apostando porque “a unión fai a forza”, José Mª Barja apunta que a rede vai permitir estender a experiencia acumulada polas universidades galegas en materia de transferencia de coñecemento e aproveitar sinerxías.

Obxectivos de Redincuba

Defender, representar, promover e salvagardar os intereses xerais das incubadoras asociadas e do conxunto do sector é un dos obxectivos centrais cos que xurde esta rede que tamén prestará atención a potenciar e reclamar dos organismos competentes a promoción, a creación e mantemento de incubadoras empresariais. Deste xeito, esta comunidade fomentará o benchmarking entre incubadoras e traballará na creación de redes de expertos que permitan ofrecer servizos avanzados en consultaría de empresas.

Inclúense entre os ámbitos de actividade deste colectivo a mellora da produtividade das empresas promovidas, contribuíndo a incrementar e dinamizar a actividade económica e favorecendo o desenvolvemento equilibrado do territorio en base á mellora do emprego. Tamén se dedicará especial atención á formación na xestión de I+D+i, con iniciativas específicas dirixidas ao persoal dos asociados e das empresas promovidas.

No seu conxunto, a rede é unha iniciativa que facilitará dentro da comunidade autónoma galega o intercambio de boas prácticas e metodoloxías no ámbito da incubación, a transferencia de tecnoloxía así como a xestión da innovación e da súa sistematización contribuíndo a unha mellora nos servizos ofertados. A colaboración entre distintos axentes dedicados á creación de empresas innovadoras e de base tecnolóxica no sistema galego permitirá un mellor coñecemento mutuo e a realización de actividades conxuntas, en especial entre Pemes, incubadoras e axentes especializados en creación de empresas de base tecnolóxica.

Así, a participación das distintas institucións e entidades implicadas pretende complementar os seus esforzos na creación e desenvolvemento de novas iniciativas empresariais innovadoras creando unha oferta de servizos máis especializada e adaptada ás necesidades dos emprendedores.
Gabinete de Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela (USC)