Ir o contido principal
iniciar sesión

A Deputación de Lugo abre oportunidades laborais impulsando o Máster de Actividades Educativas na Natureza

O organismo provincial achega 15.000 euros a esta innovadora acción formativa, coa que, ademais de impulsar a posta en valor dos recursos naturais e a sensibilización ambiental de nenos e maiores, abre novas oportunidades laborais na denominada economía verde ó ofrecer formación especializada en materia medioambiental moi práctica no mercado laboral da provincia. A institución reforza así a súa aposta por converter o medio ambiente como oportunidade económica da provincia para xerar riqueza e fixar poboación. A Deputación tamén colabora ofrecendo dúas becas ós alumnos, que se desenvolverán durante 8 semanas na primavera.

Este máster aborda unha materia que ata o de agora non se tratara en España, e no resto de Europa, tan só en países como Reino Unido e Suecia. Deste xeito, dota dunha identidade exclusiva a Maxisterio na súa nova andaina, ó pasar de Escola a Facultade, unha cualificación que aprobou o Consello de Goberno da USC a principios de ano e que se materializará nos vindeiros días. A acollida do curso foi tan boa que a organización decidiu ampliar a 29 as prazas dispoñibles.

As actividades do máster, que comezaron en setembro e continuarán desenvolvéndose ata o 18 de xuño, incluíron onte un percorrido polo núcleo lucense de Coeses, situado na Reserva da Biosfera Terras do Miño, nun exercicio para ensinar unha mostra da cultura rural e a importancia de preservar o seu patrimonio. A acción formativa contempla de feito, xunto á parte teórica, que se imparte na Facultade de Formación de Profesorado de Lugo, unha serie de saídas a espazos naturais. Así, ademais da de Coeses celebrada hoxe, haberá sesións de traballo no Courel e no Parque Nacional das Illas Atlánticas, entre outros lugares.

O curso toca temáticas de educación ambiental, educación ó aire libre, paisaxe, e a arte en relación coa natureza, e exercita ós alumnos no desenvolvemento de capacidades de xestión, organización e dirección de grupos e institucións.

Saídas laborais

Os postos de traballo que se poden ocupar con este máster son: profesor de educación; educador e técnico de asociacións de tempo libre en contornos naturais; xestor de clubs de deporte na natureza; técnico de educación e protección ambiental en Concellos e administración educativas; director de aulas da natureza; director de instalacións educativas en espazos protexidos; deseñador de guías da natureza e itinerarios; documentación de rutas; e promotor de actividades educativas con maiores ou discapacitados en contornos naturais.

A Deputación promoveu a formación especializada en medio ambiente para abrir ós profesionais lucenses novas oportunidades de inserción laboral poñendo en marcha as primeiras becas Lug02, que benefician a 18 mozos da provincia. Os bolseiros estiveron os primeiros 4 meses do ano en diversos países de Europa, onde traballaron en empresas punteiras. Á volta, iniciaron un período de prácticas en firmas lucenses para poñer en práctica os coñecementos adquiridos que concluirán a mediados de xaneiro de 2012.


Gabinete de Comunicación da Deputación de Lugo