Ir o contido principal
iniciar sesión

Apróbase o primeiro Decreto de atención á diversidade na educación

O Consello da Xunta aprobou o primeiro decreto que regula a atención á diversidade na educación en Galicia, unha norma “importante” que, segundo destacou o presidente galego, nace no obxectivo de que cada estudante obteña o máximo desenvolvemento das súas capacidades con independencia das súas circunstancias específicas. “O obxectivo último é, en definitiva, que ningunha circunstancia persoal ou social sexa motivo de discriminación nos centros educativos da comunidade autónoma”, sinalou Alberto Núñez Feijóo.

O presidente galego destacou que Galicia é unha das poucas comunidades autónomas que dispón dun decreto deste tipo e salientou que supón a busca dun “compromiso real” coa atención á diversidade. “Que os centros garantan a atención necesaria para que se reduza o absentismo e se consiga unha maior permanencia no sistema”, concretou. “Proporcionar, dentro do colexio, as mesmas posibilidades de éxito escolar con independencia dos alumnos que van a clase”, afondou.

Escolarización en centros ordinarios

Núñez Feijóo destacou que este decreto implica a alumnos, profesores, familias, entidades sociais “e á sociedade en xeral”. Neste sentido, o presidente galego explicou que, no ámbito dos estudantes, o Goberno galego aposta pola redución do absentismo, do abandono escolar e da desescolarización, apostando pola escolarización en centros ordinarios de alumnos con necesidades específicas. O titular da Xunta concretou que este decreto regula o ensino en aulas hospitalarias para nenos ou nenas que estean ingresados, e establece accións para escolarizar estudantes en situacións excepcionais como os sometidos a medidas de responsabilidade penal, afectados pola violencia de xénero, polo acoso escolar ou menores que se atopen embarazadas.

O presidente galego referiuse ao ámbito do profesorado e explicou que este decreto inclúe a atención á diversidade entre as liñas prioritarias dos plans de formación e adiantou que cada centro deberá elaborar un Plan xeral de atención á diversidade de xeito que, a través do Consello Escolar, se revisen anualmente os criterios de atención á diversidade no centro.

Feijóo asegurou, por último, que as familias recibirán información e asesoramento sobre as características do alumnado de cada centro e as medidas a adoptar na súa atención, e subliñou que a Xunta avoga por unha maior colaboración con entidades e asociacións de atención á diversidade. “Buscamos unha maior coordinación entre os centros e un maior compromiso de participación das familias”, concluíu.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia