Ir o contido principal
iniciar sesión

Xuventude Galicia Net contou cunha participación de máis de 8.000 persoas

O Encontro Dixital Xuventude Galicia Net que organizou en Santiago a Dirección Xeral de Xuventude pechou un ano máis as súas portas cun balance “moi positivo”. Pasaron polas instalacións desta iniciativa, no Pazo de Congresos e Exposicións, máis de 7.000 persoas. A esta cifra súmanse os máis de 1.000 mozos e mozas que se inscribiron para participar durante os 3 días na intranet.

Unha das iniciativas máis valoradas nesta edición foi o bloque temático dedicado ao emprendemento como saída fronte á crise. Máis de 500 participantes participaron ao longo de toda a semana para elixir os tres mellores proxectos, que foron defendidos ante un xurado cualificado durante a tarde de onte.

Ademais, a mesa redonda sobre o emprendemento, que contou con profesionais do ámbito universitario e da empresa privada, debateu as vantaxes e situacións que han de ter en conta os mozos e mozas que se adianten no mundo do emprendemento.

Os asistentes tamén puideron participar nunha sesión de networking non convencional, na que mesturaron as técnicas de citas rápidas. Deste feito, a sesión de networking foi cronometrada para que os participantes puidesen interactuar coa maior parte dos asistentes posibles.

Aforo completo nos relatorios

Os relatorios tamén contaron con moita asistencia de público este ano. As ponencias de Enrique Dans e Leopoldo Abadía colgaron o cartel de aforo completo, ao encher a sala habilitada para os seus relatorios, cunha capacidade para 1.500 persoas.

Así mesmo, é preciso salientar que a oferta formativa foi a máis completa das trece edicións celebradas no Encontro de Xuventude Galicia Net. Abordouse un amplo abano de materias dirixidas para todos os públicos ao longo dos tres días, como, por exemplo, hacking ético, neuromarketing web ou redes sociais.

Con respecto á extranet, onde tiveron lugar as actividades ao aire libre, converteuse nesta edición nun punto de encontro de pais e fillos, mozos e mozas arredor das novas tecnoloxías.

As colas sucedéronse todo o fin de semana para acceder aos simuladores de golf ou tiro, Tamén houbo moita afluencia de público nos obradoiros de maquillaxe, no stand de consolas e no de ciencia divertida dirixida para os máis cativos.

Os amantes da arte tamén tiveron un oco no exterior do Pazo de Congresos no que o Graffiti foi o protagonista. Neste senso, os participantes na XGN puideron participar nun obradoiro de iniciación ao graffiti e presenciar unha exhibición desta arte urbana.

Dentro da party realizáronse, ademais, diversas actividades relacionadas co modding, hardware e overclocking. Así mesmo, destacaron os campionatos de xogos con pc´s como o de Counter Strike 1.6, League of Legends, Super Street Fighter 4, ProEvolution Soccer. Para competir sen os ordenadores, houbo lanzamento de CD, air guitar ou dobraxe, entre outras.

Por último, as noites temáticas de cine, a novidade desta edición da land party tamén foron un éxito. Ao longo da fin de semana Xuventude Galicia Net non pechou as súas portas pola noite, ofrecendo de balde noites de cine temáticas de acceso libre.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia