A Xunta premia a creatividade amorosa en lingua galega

Na categoría A, de 14 a 19 anos, resultou gañador do primeiro premio Christian García Sandamil, da Pastoriza, coa mensaxe “Non cho penso repetir!”; o gañador do segundo premio foi Ángel Manuel Torres Ferradás, de Bueu, coa mensaxe “Beizos que percorren” e a gañadora do terceiro premio foi Paula Lourido Santiago, de Soutomaior, coa mensaxe “Quérote”.
Na categoría B, de 20 a 35 anos, Paula Leticia Martínez Regal, de Viveiro, gañou o primeiro premio coa mensaxe “Desde”; o segundo premio recaeu na mensaxe “Elaeu” de Paula Rodríguez Fraga, da Coruña, e o terceiro premio foi para a mensaxe “Sábesme”, de María Beatriz Fernández Vázquez, de Abegondo.
O xurado do concurso tivo en conta nas súas deliberacións o grao de elaboración das mensaxes, a orixinalidade e a calidade da lingua. As mensaxes gañadoras pódense ler na páxina do concurso www.xunta.es/linguagalega/linguadenamorar e en www.facebook.com/linguadenamorar.
Preto dun milleiro de mozos e mozas participaron en “Lingua de namorar” durante as cinco semanas nas que se desenvolveu o concurso, ben enviando mensaxes, ben como votantes. O prazo de participación estivo aberto dende o 20 de abril ata o 17 de maio. A partir desta data, os usuarios e usuarias puideron votar polas súas mensaxes favoritas ata o 25 de maio.
No mes de xuño terá lugar en Santiago de Compostela a entrega de premios, na que as persoas gañadoras recibirán cadanseu agasallo tecnolóxico.
Plan xeral de normalización da lingua galega e Plan estratéxico Xuventude 2013
Os obxectivos da nova iniciativa son fomentar a participación en galego da mocidade, aumentar a presenza do noso idioma en internet e animar ao seu uso nas relacións interpersoais, de acordo co establecido polo Plan xeral de normalización da lingua galega nos ámbitos da mocidade e das novas tecnoloxías.
“Lingua de namorar” contribúe tamén, no marco do Plan Estratéxico Xuventude 2013, deseñado pola Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, ao fomento da lingua galega entre a mocidade, que se verá reforzada pola próxima aprobación da a Lei de Xuventude polo Parlamento de Galiciano marco da que se establece que as políticas de promoción e dinamización do galego entre a mocidade formarán parte dos sucesivos Plans Estratéxicos de Xuventude.
A mocidade, un sector social prioritario para a dinamización lingüística
O galego é a lingua de maior uso social en Galicia. O 56,4% da poboación maior de 5 anos fala sempre en galego ou máis galego ca castelán, segundo se desprende dos datos da ECVFG-2008, e os que falan sempre en galego constitúen o 30% da poboación. Malia todo, a xuventude adoita utilizar máis o castelán. En consecuencia, as franxas de idade máis novas constitúen un dos principais retos para a lingua galega, así como o sector da poboación onde se fai máis necesaria unha actuación planificada para promover o uso do idioma.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia