Ir o contido principal
iniciar sesión

Os seguidores de Björk poden converterse en "superfan" por unha noite

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria anima a todos os seguidores de Björk a converterse por unha noite no “superfan” da artista islandesa e vivir dende dentro o concerto que ofrecerá o 22 de xuño na praza exterior do Gaiás. Trátase dunha orixinal campaña posta en marcha pola Cidade da Cultura coa que se busca atopar á persoa que máis sabe de Björk e convidala á que será a única actuación que ofrecerá este ano en España e Portugal.

A campaña, lanzada esta semana a través de Infojobs e en diferentes redes sociais, busca ao “Superfan de Björk” que asistirá ao concerto do 22 de xuño con todos os gastos de viaxe e unha noite de aloxamento cubertos para o día do concerto. O afortunado ou afortunada vivirá o evento dende un punto de vista totalmente diferente, xa que poderá coñecer dende dentro todos os detalles deste importante evento musical. O seleccionado irá compartindo co resto da comunidade de fans a través das redes sociais todo o que vaia vivindo dende ese punto privilexiado do concerto.

O “Superfan de Björk” terá que cumprir unha serie de requisitos que o acrediten como tal: demostrar que é seguidor da cantante islandesa, dispoñer de contas en Facebook e Twitter cun mínimo de 300 amigos/seguidores, e estar desempregado. Ademais, as persoas que se inscriban deberán contestar varias preguntas sobre Björk, coas que se pretende medir o índice de seguimento e coñecemento por esta artista. É importante recordar que isto é unha acción promocional do concerto, coa que se busca simplemente un “Superfan de Björk” por un día.

Ata o momento xa están apuntadas nesta orixinal campaña un total de 40 persoas que optan a converterse en “superfan” e aproveitar esta oportunidade única que lle permitirá ver, como nunca imaxinou, o espectáculo sensorial que Björk ofrecerá a partir das 22:30 horas do 22 de xuño na praza exterior do Gaiás.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia