Ir o contido principal
iniciar sesión

O compromiso da Xunta coa Universidade, na entrega de premios Fin de Carreira

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, resaltou o compromiso da Xunta coa Universidade, malia as restricións económicas, cun Plan de Financiamento que garanta a súa estabilidade presupostaria; cunha Lei de Universidades que mellore a coordinación e faga a universidade máis accesible e máis competitiva; e sendo unha das comunidades coas taxas universitarias máis baixas.

“Unha vez máis, a sociedade pode atopar na súa universidade, e nos seus universitarios, un estímulo, un guieiro, unha luz nun momento de encrucillada. A Xunta sábeo e, por iso, malia as restricións económicas do presente, trata por todos os medios de contribuír a que o faro universitario se manteña aceso e cos máximos instrumentos posibles para afrontar este momento de dificultade” aseverou.

Durante o acto de entrega dos premios Fin de Carreira da Comunidade Autónoma de Galicia 2012, Feijóo referiuse aos premiados como 60 exemplos de que se pode superar a resignación, se pode mirar adiante con confianza “e se pode destacar nun escenario cheo de exames eliminatorios” e animounos a seguir polo mesmo camiño.

Así mesmo, subliñou que estes premios constatan que o noso país ten futuro. “Nun momento de extraordinaria dificultade para todos, reconforta comprobar que un país antigo como o noso pode ter a seguridade de que seguirá pisando, e pisando con forza, o terreo do futuro. Se podemos contar con esa certeza é porque existen mulleres e homes coma este conxunto de mozos que se atreven a ter soños e que se moven con insistencia para alcanzalos. Eles demóstrannos que a alma galega posúe enerxías suficientes para conseguir unha posición sobresaínte”.

O responsable autonómico concluíu a súa intervención amosando o seu convencemento de que co mesmo esforzo co que chegaron os premiados ata aquí, “seguiredes labrándovos un gran futuro e seguiredes servindo a Galicia”.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia