A Fonsagrada converteuse por un día na capital do lecer ecolóxico grazas ás actividades de Lugoteando
Despois da exitosa xornada de hoxe, a Deputación desenvolverá, dende o vindeiro xoves 6 de setembro ata o domingo 9, as actividades de Lugoteando na área recreativa de Los Robles, na capital lucense. En total, unhas 470 persoas poderán gozar, tanto de actividades acuáticas, como dun paseo en catamarán, sumándose, deste xeito, ás máis de 400 que xa tiveron a oportunidade de participar neste programa este ano.
A capital lucense, e concretamente o río Miño, acollerá unha ampla oferta de actividades lúdicas, totalmente respectuosas co entorno, que poñerán fin á terceira edición desta iniciativa. Bolas acuáticas para flotar sobre a auga; scooters acuáticos para mergullarse como golfiños; paddle surf, que tonifica todos os músculo ó remar a bordo de táboas de surf; xogos infantís acuáticos; e paseos en canoa e en batuxo –antigas barcas de madeira- son as actividades, que como en todos os casos están pensadas para todas as idades, e que terán lugar de 15.00 a 20.00 horas neste paisaxe natural emblemático da cidade de Lugo.
Ademais destas accións “de día”, que están limitadas a un total de 100 participantes por xornada, haberá un paseo Chill Out, do que poderán gozar unhas 70 persoas como máximo, o sábado 9 de setembro a partir das 19.00 horas. Este paseo, unha travesía en catamarán amenizada por un Dj con música chill out, pinchos e degustación dun cóctel elaborado con produtos autóctonos da provincia, poñerá o broche de ouro á terceira convocatoria do programa que aproveita os recursos medioambientais para xerar riqueza e do que xa gozaron preto de 3.400 persoas, que redescubriron ou coñeceron por primeira vez a riqueza fluvial e litoral da provincia, pois non só houbo participantes lucenses, senón doutras cidades galegas como Ferrol, Santiago, A Coruña e Pontevedra e incluso de fóra, como a zona occidental de Asturias.
A Deputación decidiu ampliar este ano o programa Lugoteando, cofinanciado ó 70% por fondos europeos FEDER a través do proxecto Lug02, tanto en número de concellos, como na duración, para que máis familias e xente nova puideran gozar das súas propostas e seguir potenciando o turismo, un sector que representa o 30% do PIB lucense. Deste xeito a iniciativa incluíu actividades na Zona Sur –Monforte e A Fonsagrada-; a Terra Chá –Vilalba-; A Mariña –Viveiro e Foz-, onde xa tiveron lugar, e Lugo cidade. Non só iso, senón que tamén se prolongaron durante tres meses, de xullo a setembro, fronte os dous das últimas edicións.
Últimas prazas dispoñibles
O 70% das prazas para participar no Lugoteando no río Miño xa están ocupadas, podéndose reservar unha das últimas no teléfono 982-12-00-64 ou 609-90-32-11; a través da web da Deputación www.deputacionlugo.org na que o usuario pode descargar un formulario que debe enviar cuberto á dirección lugoteando@deputacionlugo.org ou ben in situ, antes de que comece cada actividade. Esta última opción non garante que haxa prazas libres. No caso dos menores de idade, terán que presentar unha autorización asinada polos pais ou titores, que poden descargar na web e enviar por correo a lugoteando@deputacionlugo.org ou ben presentar antes do inicio das actividades nas que desexen participar.
Deputación Provincial de Lugo