Estudantes de Filoloxía da USC protestan pola desaparición de dous graos

A concentración, que contou coa presenza de 200 estudantes desta facultade e que durou media hora, é a primeira mobilización que hai en Galiza contra o Decreto 222/2011 da Xunta de Galiza que establece liñas e criterios para unha nova ordenación do Sistema Universitario Galego e que establece un número mínimo de estudantes de novo ingreso nos graos. Os Comités denunciaron, que este decreto establece un número mínimo de 50 estudantes nos graos dos campus da Coruña, Vigo e Santiago e de 40 nos de Ourense, Lugo, Ferrol e Pontevedra como tamén establece mínimos de 20 estudantes para calquera master e de 10 para calquera doutoramento. “Trátase de simplifcar a universidade e de
convertela en simples números como se fora unha simple mercadoría” indicou o Responsábel Nacional de Universidade dos Comités, Daniel Candal.
A concentración, baixo o lema “Todos os graos teñen dereito a existir”, supuxo a primeira actuación desta organización estudantil contra unha nova ordenación do Sistema Universitario Galego amplamente restrictiva e encamiñada a unha ampla redución da oferta educativa e que terá unhas repercusións moi negativas nos vindeiros anos.
O representante desta organización estudantil nacionalista explicou que, segundo o Decreto 222/2011 da Xunta de Galiza, toda aquela titulación que no curso 2015/16 non chegue a un mínimo de 50 ou de 40 estudantes, en función do campus, terá tres anos para captalos ou será sometida a un Plano de Viabilidade que pode rematar coa supresión da titulación determinada. “Trátase dunha mudanza socialmente inxusta e que poderá supor a desaparición de moitas titulacións universitarias na Galiza” indicou Daniel Candal.
“As duras condicións económicas están a provocar que, cada vez, haxa máis titulacións por baixo deste número e que, como se pode prever, dentro de dous cursos este número será aínda maior” denunciaron os Comités e indicaron que están comezando a desenvolver análises e estudos sobre os efectos deste problemático decreto e que se darán a coñecer nos vindeiros días.
Finalmente, desde os Comités fxeron un chamamento ao conxunto dos órganos de goberno de Facultades e de Universidades galegas a rexeitar, desde este momento, o Decreto 222/2011 e anunciaron novas mobilizacións nas vindeiras semanas noutras facultades afectadas pola aplicación desta perigosa norma.
Fotografía: Comités Abertos (http://www.flickr.com/photos/comites/8512223713/in/set-72157632873376416/lightbox/)
Secretaría de Prensa dos Comités Abertos