As universidades coñecen a folla de ruta para a avaliación do mapa de tituacións

Con esta folla de ruta a Consellería busca planificar co tempo necesario a evolución da oferta de graos universitarios en Galicia, abrindo un proceso no que as universidades terán que traballar no seu propio ámbito para elaborar as memorias dos novos títulos ou daqueles que teñan que sufrir algún tipo de cambio. Así, no marco do ambiente positivo no que se desenvolveu a reunión, as universidades comprometéronse a traballar para achegar propostas de cambios.
Etapas do proceso
A folla de ruta proposta pola Consellería establece tres etapas. A primeira delas abrangue ata o 15 de xuño deste ano, tempo no que as universidades recollerán suxestións para trasladarllas á Consellería, con información arredor das liñas de especialización de cada un dos sete campus, situación actual e perspectivas dos graos que non acadan a demanda mínima, graos que actualmente están duplicados no sistema universitario, e disposicións ao respecto contidas nos respectivos plans estratéxicos das universidades.
As universidades do SUG tamén deberán encher unha enquisa con apartados sobre alternativas e propostas de mellora dos títulos afectados optando, entre outras posibles vías, pola agrupación de titulacións nos primeiros cursos, fusións, reconversións a ensinanzas virtuais, conversión a títulos universitarios, o simultaneidade de titulacións.
Tras esta recollida de información, a segunda fase desenvolverase ata o 14 de novembro de 2013, e nela poranse en común as achegas da primeira etapa para acadar un consenso sobre a definición do novo mapa de titulacións. Nesta mesma etapa as universidades deberán aprobar nos seus órganos colexiados as liñas de especialización docente e investigadora de cada campus e desenvolver as accións necesarias para materializar os acordos interuniversitarios que se acaden no grupo de traballo.
Ademais, antes de comezar o último tramo determinaranse os criterios obxectivos para a concesión de novos títulos de grao e o procedemento de elaboración das memorias de acordo cos requisitos que establece o decreto de titulacións, tanto para modificacións como para novos títulos.
A última fase do proceso estenderase ata o 14 de novembro de 2014, data no que deben presentarse diante da Secretaría Xeral de Universidades as propostas definitivas para o seu informe previo de envío a verificación. Esta é a data límite xa que é necesario o período de verificación para que poidan implantarse as propostas no curso 2015-16.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia