Ir o contido principal
iniciar sesión

Preto de 200 mozos e mozas participan este verán nos campamentos de intercambio con outras Comunidades Autónomas

O director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, acudiu hoxe a despedir a 69 destes participantes, de entre 13, e 17 anos, que saían desde Santiago de Compostela cara dúas destas iniciativas.

En concreto, hoxe partían cara os Albergues xuvenís de Barría e Illa de Zuhatza en Álava (País Vasco), e cara o de Navarredonda de Gredos, en Ávila (Castela e León).

No caso do País Vasco, os mozos e mozas participarán durante 11 días en actividades náuticas na Illa de Zuhatza, e de multiaventura en Barría. Pola súa banda, en Navarredonda de Gredos, os 12 días centraranse en actividades de multiaventura e ao aire libre, que se realizarán xunto con mozos doutras comunidades autónomas.

Con todo, estes non son os únicos destinos fóra de Galicia que se ofertan nestes meses. Participantes galegos desprazaranse ata o campamento xuvenil Emperador Carlos V de Jerte, en Estremadura, o 3 de agosto. E no pasado mes de xullo, xa se realizaron outras quendas de intercambio co País Vasco (nos albergues Catedral de Vitoria e Barría) e coa Rioxa (no albergue Xuvenil Ezcaray). En función da instalación, haberá actividades náuticas, de multiaventura, musicais ou creativas.

Á súa vez, mozos e mozas destas catro comunidades autónomas tamén acudirán a campamentos da Xunta, aloxándose en distintas quendas nos campamentos Virxe de Loreto (Porto do Son), e nos albergues de Area (Viveiro), As Sinas (Vilanova de Arousa) e Gandarío (Bergondo).

Na campaña de verán, a Xunta de Galicia está ofertando este ano ao redor de 8.200 prazas en campamentos, actividades para maiores de 18 anos, campos de traballo e oferta concertada. O orzamento total desta iniciativa ascende a máis de 2,2 millóns de euros, o que permitirá tamén a contratación de ao redor de 900 monitores de tempo libre.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Traballo e Benestar