Ir o contido principal
iniciar sesión

A importancia do sector téxtil galego, nos Blogs de moda e comercio electrónico

A delegada territorial da Xunta na provincia, Belén do Campo, destacou a importancia do sector téxtil como un dos “maiores motores económicos” de Galicia e considerou que a moda “é un dos grande escaparates” de Galicia cara ao mundo.

Así o salientou hoxe durante a súa intervención na inauguración das xornadas “Blogs de moda e comercio electrónico” que se están a celebrar na Coruña. Alí, precisou que só no que se refire á confección de roupa e á industria, este sector xera preto de 12.000 empregos directos na comunidade autónoma. E engadiu que as empresas que compoñen o Clúster do téxtil facturan máis de 1.000 millóns de euros anuais.

Ao respecto, fixo fincapé na “vocación exportadora” destas empresas. En 2012, o sector realizou exportacións por valor de 3.500 millóns de euros, o 18 por cento do dotal do comercio internacional de Galicia.

Pero non só fixo referencia ás cifras, senón que Do Campo puxo en valor a creatividade, sobre a que destacou que “boa parte dos deseñadores máis influentes de España proveñen de Galicia”. Ademais, recordou que algunhas das bloggers máis coñecidas e prestixiosas da actualidade tamén son galegas.

“As bloggers teñen moito en común coa industria téxtil”, subliñou a delegada territorial, que concretou que comparten a capacidade de innovación, a aposta polo deseño creativo, a imaxe de marca, e o aproveitamento das novas tecnoloxías.

Estes catro factores (deseño, innovación, imaxe de marca e novas tecnoloxías) son os catro eixos que vertebran o Plan estratéxico do Téxtil Visión 2020, impulsado desde a Xunta de Galicia para apoiar ao sector e seguir mellorando a súa competitividade.

Ademais, a máxima representante do Goberno galego na provincia lembrou que a Consellería de Traballo e Benestar apostou por programas como o Empregatex, que se desenvolveu entre 2010 e 2012, e tivo como obxectivo a reinserción laboral dos traballadores do téxtil afectados pola crise. No marco desta iniciativa, 300 traballadores atoparon de novo un posto de traballo, preto do 60 por cento dos participantes.

Para seguir fomentando a creatividade entre a mocidade, o departamento autonómico impulsa o programa Xuventude Crea: un certame para novos menores de 30 anos que inclúe a especialidade en moda.

Xa para rematar, a delegada recalcou a aposta do Goberno galego pola “creatividade, a innovación e a vitalidade da industria téxtil galega” e sinalou que, para conseguilo e potenciar a presenza internacional, “internet, as redes sociais e a blogosfera resultan ferramentas imprescindibles”.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia