Ir o contido principal
iniciar sesión

As solicitudes de bolsas Sócrates/Erasmus incrementouse este curso na USC nun 30% logo de anticipar a convocatoria

O número de solicitudes de bolsas Sócrates/Erasmus incrementouse na USC nun 30% con respecto ao curso pasado, contándose este ano con 830 candidatos. Deste xeito, a iniciativa de anticipar a convocatoria uns meses afastándoa do calendario de exames ten recibido unha resposta positiva por parte dos alumnos interesados en fortalecer a súa experiencia académica noutras universidades.
O éxito na convocatoria de mobilidade deste ano correspóndese, segundo manifesta a vicerreitora de Estudantes e Relacións Institucionais, Elena Vázquez, co grande esforzo de difusión e asesoramento dos decanatos, direccións e coordinadores dos centros e da Oficina de Relacións Exteriores da USC.
Comezan as probas de idiomas obrigatorias
Unha vez formalizadas as solicitudes, os 830 candidatos a unha destas bolsas para o curso 2005-06 deberán asisitir obrigatoriamente ás probas de idiomas que terán lugar no Campus de Compostela este venres, día 21, e no de Lugo os días 1 e 2 de febreiro.
Os exames de idiomas deste venres, día 21, en Santiago comezarán ás 12:00 horas en Filoloxía coa proba de alemán. Na Facultade de Económicas desenvolveranse as probas de inglés ás 13:30 e a de italiano ás 15:00 horas, mentres que as de portugués e francés serán en Filoloxía, ás 17:00 e 18:00 horas, respectivamente. Os estudantes que xustificadamente non podan asistir á proba en Santiago poderán realizala no Campus de Lugo sempre que presenten anticipadamente a xustificación.
As probas de idiomas no Campus de Lugo, que terán lugar na Aula Magna da Facultade de Administración e Dirección de Empresas, comezarán o martes 1 de febreiro ás 9:30 horas coa proba de alemán e continuarán ás 11:00 coa de italiano. Xa o mércores 2 de febreiro o exame de portugués realizarase a partir das 9:30 á que lle seguirá a de francés ás 11:00, para rematar coa de inglés ás 12:30 horas.
Gabinete de Comunicación USC