Ir o contido principal
iniciar sesión

Máis de 2.200 alumnos da USC fixeron prácticas en 2004 a través do Consello Social

A presidenta do Consello Social da USC, Manuela López Besteiro, presentou na Facultade de Económicas a convocatoria para o ano 2005 do Programa de Prácticas Profesionais en Empresas e Institucións. Na edición de 2004 inscribíronse 2.836 alumnos e preto de 4.502 empresas e institucións, de tal xeito que ao cabo do ano tíñanse formalizado 3.125 ofertas de traballo e realizadas 2.212 prácticas. Na presentación estiveron tamén presentes a vicerreitora de Estudantes e Relacións Institucionais, Elena Vázquez Cendón, e o decano da Facultade, Manuel Jaime Barreiro Gil.
O Programa, que se iniciou en 1995 no Campus de Santiago, pretende contribuír á formación integral do alumno universitario a través da súa participación activa en empresas ou institucións, de xeito que ao mesmo tempo que realiza os seus estudos adquira unha experiencia práctica imprescindible para o seu futuro máis cercano. Na actualidade o Consello Social ten asinados convenios de colaboración para o desenvolvemento das prácticas coa Confederación de Empresarios de Galicia e con máis dun centenar de institucións públicas galegas.
Dende a súa posta en marcha incrementouse de maneira notable o número de estudantes que solicitan a súa participación, pasando das 839 solicitudes de 1995 ata as 2.836 do pasado ano, como explicou no acto o secretario do Consello Social, Benigno Carril. Por titulacións, o pasado ano foron os alumnos de Administración e Dirección de Empresas de Santiago os que máis disfrutaron destas prácticas, seguidos de Bioloxía, Economía e Relacións Laborais.
Convocatoria do Programa para 2005
O prazo para que os estudantes de facultades ou escolas da USC formalicen as inscricións neste programa rematará o 31 de marzo, sendo requisito imprescindible ter superado o 50 por cento dos créditos ou, no caso de planos de estudo non reformados, cursar algún dos dous últimos anos da carreira.
Estas prácticas terán unha duración mínima de 120 horas e máxima de 500, a realizar en calquera momento do ano, sendo convalidable este período formativo por creditos de libre configuración. E aínda que o Consello Social ten asinados numerosos acordos con empresas e institucións, os propios alumnos serán quen de propoñer, cunha antelación mínima de quince días, empresas para a realización destas prácticas sempre que non exista parentesco con ningunha persoa da dirección da empresa ou teña unha participación nela superior ao 15 por cento.
Gabinete de Comunicación USC