Ir o contido principal
iniciar sesión

Uniemprende convoca o XIV Concurso de Proxectos Empresariais Innovadores

A Universidade de Santiago de Compostela, a través do seu programa de creación de empresas Uniemprende, vén de convocar o XIV Concurso de Proxectos Empresariais Innovadores co obxectivo de impulsar a creación de empresas innovadoras promovidas por estudantes, titulados/as e/ou investigadores/as de calquera das tres universidades galegas, así como dos centros asociados da Uned emprazados en Galicia, ademais de fomentar a innovación empresarial e a xeración de emprego.

As persoas interesadas en participar neste concurso poderán presentar as súas respectivas propostas ata ao 30 de abril de 2014, para o que deben cubrir o formulario en liña xa dispoñible na páxina web www.uniemprende.es. A USC pon a disposición de todas as persoas interesadas formación gratuíta para elaborar o plan de empresa durante o próximo mes de abril.

As bases do XIV Concurso de Proxectos Empresariais Innovadores da USC establecen, do mesmo xeito que na pasada edición, tres modalidades de concurso. Os proxectos galardoados en cada unha das categorías recibirán cadansúa gratificación en metálico por importe de 2.000 euros.

Daquela, o autor ou autores/as do proxecto de empresa innovadora distinguido na modalidade de empresa de base tecnolóxica, percibirán un premio de 2.000 euros, ademais de ter a posibilidade de acadar ata 24.000 euros de financiamento a través dun préstamo participativo. Os premios Empresa Xove e Muller Emprendedora tamén contarán nesta edición con cadansúa dotación económica de 2.000 euros.
Gabinete de Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela (USC)