Ir o contido principal
iniciar sesión

Un programa de radio difunde información xuvenil en 13 emisoras municipais

Un total de 13 emisoras de radio municipais e a central de contidos Radio Fusión comezaron a emitir o programa ‘Xuventude nas Ondas’, que ten como obxectivo a difusión da información xuvenil. As emisoras municipais son as de Boiro, Melide, Ames, Negreira, Arzúa, Cerceda, A Estrada, Redondela, Valga, Arousa, Tui, Foz e Burela.

Como normal xeral, o programa ten unha periodicidade semanal e unha duración dunha hora, e días e horarios establecidos pola propia emisora. A través dunha charla con membros do equipo de dinamización da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, o programa repasará a información máis interesante para a mocidade, non só a xerada pola Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, senón do resto de departamentos da Xunta de Galicia e doutras institucións.

Con esta iniciativa, preténdese incidir por unha canle máis na difusión da información xuvenil, como fórmula para garantir a igualdade de oportunidades para os nosos mozos e mozas, así como mellorar o acceso aos recursos públicos e facilitar a súa participación nas sociedades democráticas.

As oficinas de información xuvenil destes municipios tamén colaboran no programa ‘Xuventude nas Ondas’. Galicia conta cunha ampla Rede Galega de Información Xuvenil, que está formada por un centro coordinador en Santiago, 12 espazos xoves comarcais, 4 servizos territoriais, 2 oficinas locais, 247 oficinas municipais e 63 puntos de información xuvenil de asociacións.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia