Ir o contido principal
iniciar sesión

Xuventude promove dous concursos de música e videocreación en Facebook

A Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado da Consellería de Traballo e Benestar vén de poñer en marcha dous concursos a través de Facebook, un de música e outro de videocreación, para promover a difusión pública da campaña Libre a través das redes sociais. Esta iniciativa ten por finalidade fomentar a condución segura e responsable entre a mocidade galega así como as boas prácticas ao volante.

Cada autor ou autores poden participar cunha única obra orixinal, inédita e en galego. A técnica será libre e as obras deben incluír obrigatoriamente o lema ‘Libre de alcol, libre de preocupacións’. Admitiranse traballos realizados tanto de forma individual como en grupo. O contido das obras deberán axustarse á finalidade da campaña Libre e valorarase especialmente a orixinalidade e a capacidade de captar o interese do público en xeral, e dos usuarios das redes sociais en particular.

Na especialidade de videocreación, poderán participar todas aquelas persoas, non profesionais, de entre 18 a 30 anos, ambas inclusive, e residentes en Galicia. As obras presentaranse en formato de vídeo compatible principalmente coa difusión a través de medios electrónicos e redes sociais, e cunha duración máxima de 3 minutos.

No caso do concurso de música, poderán presentarse solistas e grupos de pop, folk, rock, hip hop e demais variedades de música contemporánea. Os participantes non poderán ter ningún contrato con compañía discográfica no momento de finalización do prazo de presentación. As obras entregaranse en formato de son compatible principalmente coa difusión a través de medios electrónicos e redes sociais, e dunha duración máxima de 4 minutos. O tema será de creación propia e nunca antes editado comercialmente.

A inscrición nos dous concursos realizarase mediante unha mensaxe privada na páxina de Facebook da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado: https://www.facebook.com/xuventude.net. O prazo para a presentación dos traballos estará aberto ata o 20 de xullo.

O concurso dividirase en dúas fases: unha primeira de votacións a través de Facebook, aberta ata o 27 de xullo, de onde sairán as obras finalistas. E unha segunda, na que as dez obras finalistas serán avaliadas por un xurado, quen decidirá o traballo gañador en cada especialidade.

Deste xeito, as obras que cumpran as bases do concurso publicaranse na páxina de Facebook: https://www.facebook.com/xuventude.net, sendo accesibles para calquera persoa que acceda á páxina. A medida que se publiquen comezaranse a contar os “Me gusta” que obteña cada obra. Unha vez rematado o prazo de votacións, seleccionaranse como finalistas as 10 obras de cada disciplina que teñan máis “Me gusta”.

O autor ou autores das obras gañadoras serán membros do xurado de música e videocreación, respectivamente, do certame ‘Xuventude Crea 2014’. No caso de non reunirse os correspondentes xurados das especialidades de música e videocreación do certame, por ser declaradas desertas, o premio para cada un destes concursos será de 150 euros. Toda a información sobre esta iniciativa está dispoñible no portal http://xuventude.xunta.es.

As ferramentas básicas empregadas por Xuventude para atender as consultas e demandas dos mozos e para difundir as súas mensaxes e campañas son a súa páxina web e as redes sociais, cunha influencia cada vez máis notoria entre a xuventude galega.

Neste sentido, a Dirección Xeral de Xuventude acadou no que vai de ano 1.118.000 visitas no seu portal web, e consegue chegar de xeito directo cada día a 16.000 persoas a través de Facebook, Twitter e Tuenti.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia