Ir o contido principal
iniciar sesión

O servizo Quérote+ realizou máis de 1.300 probas de detección en fluído oral de anticorpos do VIH desde 2011

Nos centros Quérote+ de toda Galicia realízase este método de detección que, baixo a denominación de proba rápida, ofrece a posibilidade de coñecer en aproximadamente 20 minutos a presenza de anticorpos de VIH no organismo.

Nos centros Quérote lévase a cabo no marco dun asesoramento acerca do VIH e a súa prevención, e durante o mesmo xa se informa ao usuario do resultado. Non é unha proba diagnóstica, xa que un resultado positivo deberá sempre ser confirmado por probas de laboratorio hospitalario.

Unha diagnose a tempo ofrece a posibilidade de beneficiarse da terapia antiviral nas etapas precoces da infección e pode contribuír a modificar as condutas que favorecen a transmisión do virus a outras persoas.

Estímase que o 25% da poboación portadora descoñece que ten VIH. Isto é posible porque o VIH pode estar asintomático, é dicir, non presentar síntomas nin manifestarse externamente no corpo. Pero a pesares de non mostrar síntomas, esa persoa, ao ser portadora do VIH, pode transmitirllo a outra persoa, esta a outra, e así é como se produce a cadea de transmisión do virus.

O perfil da persoa que se achega a realizar a proba aos centros Quérote+ é un home (70% das persoas que fan a proba) de entre 16 e 34 anos (71 % das persoas que fan a proba) da provincia da Coruña ou de Pontevedra (77% das persoas que fan a proba pertencen a unha destas provincias).

Quérote+ leva desde os seus inicios, no ano 2006, traballando a prol da prevención, información e divulgación sobre o VIH-sida a través de diversas accións específicas: carpas e mesas informativas en días mundiais sinalados como son o Día mundial da proba rápida do VIH ou o Día Mundial de loita contra o VIH, obradoiros e cursos de formación en espazos xuvenís ou campañas específicas de sensibilización.

As últimas campañas lanzadas pola Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado neste ámbito foron “Facémolo”, que se distribúe a través dun código QR que dá acceso a toda a información relevante para a realización da proba rápida do VIH nos centros Quérote+, e “Pon a proba do VIH nos teus favoritos!”, en colaboración coa Consellería de Sanidade, unha campaña que se lanzou a través de aplicacións móbiles de contacto entre homes (Bender/Grindr), dando información sobre a proba e os espazos nos que poder realizala.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Traballo e Benesar