Ir o contido principal
iniciar sesión

Xosé A. Touriñán xunta na súa casa aos mellores humoristas de Galicia este venres na primeira edición do ‘Castelo Conta’

Non será, en palabras de Touriñán, unha actuación calquera. E é que en Castelo cóidanse todos os detalles, e desde a organización afánanse por vestir a polideportiva da pequena aldea ao pé do Xalo e convertela en todo un clube da comedia, con banda de música incluída, que para a ocasión será a dos betanceiros ‘Os que vand’.

Nun escenario central estarán os monologuistas, nun dos laterais a banda, e noutro unha gran pantalla para seguir o espectáculo con vídeo en directo. Diante, mesas de entre seis e dez prazas que xa se poden reservar no teléfono 698 111 311 e no enderezo electrónico casteloconta@festascastelo.com, por 50 € con botella incluída. O resto do público situarase xusto detrás, tamén sentado ata cubrir o aforo.

Os cinco monologuistas actuarán xuntos e por separado, tirando do mellor do seu repertorio, con moita improvisación e mesmo incentivando a participación do público. Para antes do evento, bocatas de chourizo criollo á grella en pan de Carral, preparados polos veciños de Castelo, e que se venderán a 2 euros.

Encallados tamén se estréa en Castelo

O Castelo Conta dará comezo contra as 23.30 horas, porque antes o mesmo recinto da polideportiva desta parroquia de Culleredo acollerá a proxección do filme Encallados, dirixido por Alfonso Zarauza e que ten entre os seus protagonistas a Federico Pérez. Unha historia de cinema dentro de cinema, que narra as dificultades de tres compañeiros para facer unha película sobre a traxedia do Prestige, cun contrapunto cómico que ten sorprendido xa a centos de persoas nas estréas que se están a realizar por toda Galicia.
Airapro Producións