Ir o contido principal
iniciar sesión

Emprendedores de Santiago de Compostela e Vigo viaxan a Sillicon Valley co programa Yuzz

Lathaeus, a pulseira electrónica para coidar as persoas da terceira idade de David Rodríguez Constela e Adam Anh Kim Caramés, foi elixida como a mellor idea do centro Yuzz Vigo. Pola súa banda, Situm -a tecnoloxía de localización de smartphones que permite coñecer a posición de calquera teléfono nun espazo pechado-, presentada por Víctor Álvarez e Adrián Canedo, foi seleccionada como o mellor proxecto do centro Yuzz de Santiago.

Deste xeito, cada un dos dous proxectos obtivo unha praza para viaxar do 7 ao 12 de decembro a Silicon Valley, a meca da innovación mundial, xunto aos outros 22 participantes máis brillantes da actual edición de Yuzz. O programa está dirixido polo Centro Internacional Santander Emprendemento (CISE), co patrocinio do Banco Santander, a través da súa división Global Santander Universidades e a colaboración da Xunta de Galicia.

O xurado seleccionou ambos proxectos como os mellores dos seus respectivos centros, espazos nos que desde hai 6 meses 40 mozos e mozas emprendedores galegos traballan na concreción das súas ideas empresariais co apoio da Xunta de Galicia.

Durante a súa visita a Silicon Valley, poderán visitar o Spain Tech Center (STC) –impulsado por Banco Santander, ICEX, e Red.es- cuxo obxectivo é facilitar a implantación de Pemes de base tecnolóxica española nun dos contornos máis dinámicos e competitivos do mundo. O seu obxectivo é acelerar o proceso de internacionalización das empresas tecnolóxicas e innovadoras.

Logo de que regresen de Silicon Valley, os gañadores deberán presentar as súas ideas ante un xurado integrado por representantes de Banco Santander, CISE, e entidades colaboradores do programa Yuzz. Seleccionaranse os tres mellores proxectos, que recibirán unha dotación económica de 30.000, 20.000 e 10.000 euros respectivamente para que poidan desenvolverse.

Lathaeus, o gañador de Vigo

O proxecto Lathaeus (http://lathaeus.com) busca mellorar a calidade de vida das persoas, dando maior liberdade ás persoas dependentes e a súa familia. O seu produto de lanzamento baséase nunha pulseira electrónica para coidar ás persoas da terceira idade. As súas funcionalidades céntranse no seguimento da ubicación do portador, alertar mediante mensaxes ou chamada telefónica aos seus familiares se este último caeu ou saíu da súa zona habitual, e recordar a toma de medicamentos.

Toda a información compartida a través desta pulseira intelixente é accesible para os familiares das persoas maiores a través do seu teléfono móbil ou a través da web do servizo. Desde estes medios, os familiares tamén poderán definir as zonas habituais da persoa maior, os números de teléfono aos que avisar en caso de que ocorra alega o calendario de medicamentos do portador. Inclúe tamén un broche coa mensaxe “se me ves desorientado, pulsa o botón da miña pulseira”, para que se avise directamente aos seus familiares.

A pulseira diferénciase de outras existentes no mercado porque funciona de forma automática en casos de accidentes; é independente; o portador non precisa ningún dispositivo adicional e o seu servizo é compatible con calquera tipo de móbil actual. Actualmente, está pulseira está no estado de prototipado.

Situm, o seleccionado en Santiago

Pola súa banda, o gañador en Santiago foi o proxecto Situm (http://situm.es), unha tecnoloxía de localización de smartphones que permite coñecer a posición de calquera teléfono dentro de calquera edificio onde o GPS non funcione. Isto permite desenvolver aplicacións para smartphones e servizos xeoposicionados para interiores como por exemplo: o guiado de persoas en grandes superficies; a busca de produtos e tendas en centros comerciais; promocións personalizadas ao smartphone de cada usuario, en base aos seus hábitos e posición en tempo real; estudo de comportamento de clientes en tenda; ou audioguías xeoposicionadas para museos.

Situm ofrece aos usuarios dous tipos de produtos centrados nunha tecnoloxía de localización (ferramentas que permiten construír aplicacións e servizos de localización de forma sinxela e transparente) e produtos finais como aplicacións e servizos posicionados que resolven necesidades específicas en diferentes sectores.

Yuzz, unha aposta pola innovación

O proxecto Yuzz iniciouse en 2009, cun centro en Barcelona e Madrid, como un viveiro tecnolóxico de grandes ideas. Actualmente, chega a 24 cidades de toda España coa participación de preto de 500 mozos e mozas emprendedores.

Durante os seis meses de duración, Yuzz facilita aos seleccionados ao apoio necesario para desenvolver as súas ideas: unha rede de máis de 200 expertos profesionais, formación empresarial, asesorías, titorías personalizadas, e unha plataforma de traballo colaborativo en liña, para que a súa idea poida materializarse nun proxecto empresarial.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia