Ir o contido principal
iniciar sesión

Créase a primeira rede galega de FP na rama de hostalaría e turismo

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, presentou a que será a primeira Rede Galega de Formación Profesional de Hostalaría, unha iniciativa que enmarca aos 8 centros públicos da nosa Comunidade especializados nesta familia profesional co fin de crear un espazo vivo e dinámico de intercambio de experiencias e de innovación. Desta forma procúrase, ademais, impulsar a calidade de actividades produtivas estratéxicas para Galicia como son as de Restauración, Aloxamento e Servizos, estreitamente vencelladas ao turismo, eido tamén de significativa importancia no desenvolvemento económico desta terra.

A presentación desta rede enmarcouse na celebración do I Encontro Internacional de FP de Galicia, Castela e León e Portugal. Neste contexto e diante do seu homólogo de Castela e León, Juan José Mateos Otero, o conselleiro sinalou a importancia de reforzar a colaboración nese espazo xa constituído como Macrorrexión de Rexións do Sudoeste Europeo (RESOE). Os territorios participantes no encontro de hoxe “contan con fortalezas e potencialidades que nacen das súas características históricas, culturais, sociais e económicas comúns; así como da súa situación periférica dentro da Unión Europea. Isto permítelles facer fronte a desafíos conxuntos nos ámbitos clave de economía e industria; laboral; medio ambiente; transportes e loxística; cultura e turismo; e educación, universidades e investigación”, dixo Xesús Vázquez.

Obxectivos da rede

A Rede Galega de FP de Hostalaría integra aos CIFPs Paseo das Pontes, Compostela, Carlos Oroza e Manuel Antonio; e aos IES Sanxillao, Fragas do Eume, de Foz e de Vilamarín. Entre os seus obxectivos están dar resposta ás demandas de formación e servizos das empresas do sector, a transferencia de coñecemento dos centros educativos ás empresas –especialmente a través da formación continua-, o intercambio de experiencias profesionais e o impulso aos proxectos de innovación neste eido.

Toda a información arredor destes obxectivos estará dispoñible na páxina web da Rede. Así, un dos apartados recollerá toda a oferta formativa dos 8 centros, incluída a posibilidade de acreditación das competencias profesionais adquiridas a través da experiencia laboral. Unha información útil tanto para o alumno como para as empresas, xa que lles facilita a estas últimas o conxunto da oferta necesaria para unha mellora da competitividade empresarial a través de diferentes vías: formación profesional básica, continua, ou mesmo formación a demanda das necesidades específicas das empresas deste sector.

Así mesmo, porase – de forma conxunta ou separada- a disposición das empresas, asociacións e institucións do sector unha serie de servizos (de restauración, catas profesionais ou demostracións de técnicas vangardistas, entre outros) e de prestacións das instalacións e equipamentos dos centros para calquera tipo de colaboración ou intercambio de experiencias profesionais ou empresariais, buscando a maior cualificación do capital humano necesario para o progreso do noso tecido empresarial.

A Rede busca ademais coordinar as accións que os centros realicen na creación de bolsas de emprego para os seus titulados, así como para intercambios e mobilidades de alumnado e profesorado. Neste sentido, encontro como o de hoxe supoñen un claro reforzo ao aproveitamento de sinerxías que xa supón a Rede, abrindo a posibilidade de abrir novos proxectos de innovación en colaboración con outros sistemas educativos de fóra da nosa Comunidade.

O encontro

Ao longo da xornada desenvolvéronse diferentes actividades coas que se afondou en aspectos como o papel da FP no desenvolvemento da hostalaría ou o fomento da empregabilidade no sector a través da FP Dual; e programáronse diferentes obradoiros gastronómicos nos que participaron prestixiosos profesionais galegos. Así, ademais da presenza no encontro de Pepe Solla (‘Casa Solla’), participaron no ‘show-cooking’ Javier Olleros (restaurante ‘Culler de pau’), Beatriz Sotelo (‘A Estación’), Manolo Costiña (‘O retiro da Costiña’) e Diego López (‘La Molinera’). A cata comentada foi guiada por, entre outros profesionais, Óscar Quintana, campión galego ‘Nariz de Ouro’; mentres que nas demostracións de ‘latte art’ participaron Damián Seijas e Victor Couto, campións baristas galegos. Os talleres pecháronse cunha masterclass de coctelería a cargo de Diego Mosquera.

No I Encontro Internacional de FP de Galicia, Castela e León e Portugal participaron, ademais dos devanditos 8 centros galegos integrados na Rede, a ESENGRA da Armada Española (Ferrol); centros de hostalaría de Valladolid, Segovia, Ávila, León, Salamanca, Zamora, Burgos e Palencia; Escolas de hotelaría e turismo de Lamego, de Viana do Castelo e de Coimbra e Centros de Formación Profesional de hostalaría de Porto e Chaves. Así mesmo a xornada contou coa participación de importantes empresas galegas do sector, de representantes da Federación de Empresarios de Hostalaría de Pontevedra e dos Consellos reguladores de denominación de orixe e de indicación xeográfica protexida .

Asemade estiveron presentes, ademais dos conselleiros do ramo de Castela e León e Galicia; o director xeral de FP e Réxime Especial do departamento de Mateos, Enrique de la Torre Alonso; o director de servizos, emprego e Formación Profesional da delegación rexional do norte do Instituto do Emprego e Formación Profesional luso, José Dinis; o director xeral de Educación, FP e Innovación Educativa da Xunta, Manuel Corredoira; e a subdirectora xeral de FP, María Eugenia Pérez, entre outras autoridades.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia