Ir o contido principal
iniciar sesión

Alba María, gañadora do I Certame de Canción de Autor en Galego Concello de Teo, presenta o seu disco Aínda

Alba María, a gañadora do I Certame de Canción de Autor en galego Concello de Teo, presenta este domingo 25 de xaneiro o seu disco “Aínda” no CSC da Ramallosa. O concerto comeza ás 20:00 horas e a entrada é de balde. A cantante e compositora estará acompañada da banda formada por Felipe Vilar coa guitarra, José Manuel Díaz co contrabaixo e Carlos Freire percusións.

Alba María é alumna da Escola Livre da Música Popular Galega, de aCentral Folque e o seu primeiro traballo discográfico sae á luz grazas ao certame de música organizado en Teo o ano pasado e á colaboración da propia aCentral Folque.

A artista naceu en 1995 nas Palmas de Gran Canaria a onde emigrara a familia dende Vigo. Estudiou música xa no CMUS da cidade olívica e participou en diversos certames de poesía e improvisación, sendo unha destacada poeta e regueifeira. En abril do ano pasado gaña o concurso organizado en Teo.

Daquela Carme Hermida, concelleira de Cultura de Teo e voceira do xurado, xustificou o premio “polo enraizamento da proposta musical de Alba María na tradición galega e pola orixinalidade, variedade e actualidade das súas cancións”. A artista emocionouse cando recolleu o premio enriba do mesmo escenario no que este domingo presenta o seu disco.

O I Certame de Canción de Autor en Galego Concello de Teo celebrouse en abril do 2014 e na fase final do concurso participaron oíto artistas. O xurado estivo formado por Carme Hermida, concelleira de Cultura do Concello de Teo; Uxía Senlle, unha das artistas galegas máis recoñecidas representando á parte artística; Pepe Cunha, fundador do portal www.abretedeorellas.com en representación da prensa especializada e Montse Rivera, directora de Merlo Branco Produccións representando as industrias culturais.

Segundo explican dende aCentral Folque Alba María é autora dos temas de Aínda, compositora das melodías e das letras do disco e destacan a “naturalidade, xuventude e temáticas de xénero que están presentes nos textos das súas cancións”. Na creación do CD participaron grandes músicos como os premios especial Cubadisco José Manuel Díaz e Alejandro Vargas, arranxistas do disco. Destacados músicos do panorama galego, desde o Folque (Pedro Pascual, Óscar Fernández, Gutier Álvarez) até o Jazz (Felipe Villar) participan no disco.
Departamento de Comunicación do Concello de Teo