Ir o contido principal
iniciar sesión

2.200 estudantes de secundaria coñecen a Universidade de Santiago

As visitas, nas que participan estudantes de 42 centros de toda Galicia, comezaron este martes e repetiranse o mércores e o xoves. Nelas, ademais de coñecer as instalacións onde se imparte a titulación e os laboratorios de clases prácticas, asisten a unha clase regular de 1º curso. Os encargados de dirixir estes encontros polos campus e comentarlles a súas vivencias na USC son os titores do alumnado de 1º curso, acompañados dos responsables dos centros.

Están deseñados trece itinerarios que percorren a partir das 10.45 horas os Campus Norte e Vida. No primeiro caso, con saída na Residencia Burgo das Nacións, están programados percorridos a Filoloxía e Ciencias da Comunicación; Ciencias Económicas e Empresariais; Ciencias da Educación e Traballo Social; Enfermaría, Medicina e Odontoloxía; e Xeografía e Historia e Filosofía.

En Campus Vida, con saída dende a Residencia Monte da Condesa, visítanse Dereito, Relacións Laborais e Ciencias Políticas e Sociais; Química e Enxeñaría Química; Bioloxía e Farmacia; Matemáticas e Enxeñaría Informática; Matemáticas e Física; Física e Enxeñaría Informática; Óptica e Optometría; Psicoloxía e Ciencias da Educación.
Gabinete de comunicación da USC