Ir o contido principal
iniciar sesión

Cultura e Educación apoia o emprendemento no Gaiás cun programa de creación de empresas

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria apoia o emprendemento no Gaiás coa posta en marcha do ‘Programa de Creación e Consolidación de Empresas de Industrias Culturais e Creativas’, que ata o 29 de maio prestará asesoramento a un total de 25 proxectos.

Da man da Cámara de Comercio de Santiago, a Fundación Incyde e a Fundación Cidade da Cultura de Galicia, este programa formativo busca contribuír á dinamización e consolidación dun sector clave: o das industrias culturais.

A inauguración do curso contou coa presenza da directora-xerente da Fundación Cidade da Cultura de Galicia, Beatriz González Loroño, quen destacou o apoio ao tecido empresarial cultural e creativo como un dos eixes prioritarios do Gaiás. Neste sentido, González Loroño recordou que actualmente uns 250 emprendedores de diversos sectores están a desenvolver os seus proxectos no Centro de Emprendemento. Este Centro acolle cen proxectos repartidos entre o Espazo de Coworking, o Viveiro de Empresas e o centro de crowdworking Galicia Open Future, que se desenvolve en colaboración con Telefónica e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia.

Xunto a Beatriz González Loroño, a inauguración do ‘Programa de Creación e Consolidación de Empresas de Industrias Culturais e Creativas’ contou coa presenza do presidente da Cámara de Comercio de Santiago, Jesús Asorey; e da directora de Programas de Incyde, María Dolores García.

320 horas de formación de balde

O curso, totalmente de balde, conta coa participación de 25 proxectos relacionados coas industrias culturais. Este programa formativo conta cun total de 320 horas, das que o 15% terán lugar nunha aula da Biblioteca e o Arquivo de Galicia e o 85% restante en forma de titorías nas que cada participante recibirá asesoramento individualizado para levar a bo porto o seu negocio.

A metodoloxía do programa centrarase no papel da cultura na nova sociedade, polo que todos os participantes elaborarán unha presentación do Business Plan para un proxecto empresarial. Durante as oito semanas do curso, os titores expoñerán os contidos dos módulos formativos que versarán sobre administración da empresa cultural, marketing e comercialización, prevención de riscos laborais, calidade ambiental e igualdade de oportunidades, xestión financeira e económica e novas tecnoloxías da información e ferramentas informáticas.

Deste xeito, xunto á Cámara de Comercio de Santiago, a Cidade da Cultura está a establecer unha rede de alianzas con outras institucións que compartan este obxectivo como o Igape, a Rede Emprendia, a Rede Eusumo, o Concello de Santiago, Instituto Campus Stellae, Escola de Negocios da Fundación ou a Asociación de Jóvenes Empresarios co obxectivo de establecer sinerxías entre o mundo da empresa e a cultura que permitan facer das industrias creativas un sector forte e competitivo.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia