Ir o contido principal
iniciar sesión

O programa Galeuropa permitirá a 3.000 mozos facer prácticas no exterior ata 2020

A Consellería de Traballo e Benestar vén de informar á mocidade sobre as vantaxes do programa Galeuropa nunha xornada que organizou en Santiago para explicar e dar visibilidade a esta iniciativa que xestiona a Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado no marco da educación non formal e na que poderán participar 3.000 mozos e mozas ata o ano 2020.

A titular do departamento autonómico, Beatriz Mato, asistiu a esta xornada, á que tamén acudiron representantes do Ministerio de Traballo e Asuntos Sociais de Alemaña. No programa participan un total de dez países: Alemaña, República Checa, Holanda, Irlanda, Italia, Francia, Polonia, Portugal, Suecia e España.

Galeuropa, no que a Consellería de Traballo e Benestar investirá ata 2020 un total de 7 millóns de euros, ofrece aos mozos e mozas galegos menores de 25 anos a oportunidade de realizar prácticas laborais no estranxeiro durante períodos de dous ou tres meses, co obxectivo de que poidan adquirir unha experiencia laboral que supón unha mellora do seu currículum e das súas oportunidades no mercado laboral.

Ademais, segundo explicou Mato, este ano como novidade vincúlase a participación en Galeuropa coa presentación dun proxecto personalizado de mobilidade que se desenvolverá en colaboración coas empresas galegas.

Deste xeito, e tal e como expuxo a conselleira, este programa axudará á mellora e actualización permanente das empresas galegas , aprendendo a través dos mozos e mozas como traballa o seu sector en Europa, os avances tecnolóxicos e técnicos que aplican, a organización do traballo ou as estratexias de internacionalización, entre outros. “Os participantes desenvolverán un papel de nexo entre emprendedores e produtores de distintos países de Europa, facendo deste programa un núcleo do intercambio de experiencias e o crecemento”, apuntou a conselleira.

Para poñer en marcha esta iniciativa, a Xunta conta co cofinanciamento da Iniciativa Europea de Emprego Xuvenil e o Fondo Social Europeo. A convocatoria deste ano, que se publicará no mes de maio previsiblemente, contará cun millón de euros e a participación de 500 mozos e mozas, o que supón un incremento do 55 por cento con respecto a 2014.

Así mesmo, a titular de Traballo destacou que Galicia é pioneira neste programa a nivel do Estado e é a primeira comunidade autónoma incorporada a este rede de mobilidade transnacional, ao tempo que explicou que outra das novidades deste ano é que os participantes deberán estar inscritos no ficheiro nacional do Sistema Nacional de Garantía Xuvenil no ámbito territorial de Galicia. Mato lembrou que, a través deste sistema, a Xunta ten posto en marcha 9 medidas específicas que contan cun orzamento de 48 millóns de euros e 30.000 potenciais beneficiarios. Este Plan de Garantía Xuvenil é complementario ao Plan de Emprego Xuvenil que a Xunta puxo en marcha o ano pasado e conta cun orzamento de 100 millóns de euros.

Aposta pola educación non formal

Por último, a conselleira destacou a aposta do Goberno galego pola mellora continua da oferta de educación non formal, lembrando que Galeuropa, ademais, desenvolve valores como a iniciativa, a toma de decisións, a responsabilidade ou o traballo en equipo, todos eles moi valorados polas empresas á hora de contratar a novos traballadores e traballadoras.

En 2015, a Consellería de Traballo e Benestar ten aumentando nun 25 por cento o orzamento para os programas de educación non formal que contarán con 2,5 millóns de euros e 4.000 beneficiarios. Neste eido, o mes pasado publicouse no Diario Oficial de Galicia (DOG) unha orde que regula a expedición de certificacións oficiais das experiencias, competencias e habilidades adquiridas polos mozos en todos este tipo de programas. En concreto, en programas de mobilidade en 2014 ofertáronse máis de 2.000 prazas a través de Galeuropa, La ida, Erasmus Plus ou campos de traballo cun orzamento de 1,8 millóns de euros. Para 2015, a previsión do departamento autonómico é aumentar as prazas ata as 2.250 e un orzamento de 2,3 millóns de euros.

En definitiva, Mato destacou que “Galeuropa vai dotar a Galicia de profesionais con coñecementos do funcionamento do mundo empresarial internacional e o dominio de idiomas estranxeiros contribuíndo, deste forma, á mellora da súa vida persoal e profesional e ofertando recursos humanos de calidade ao tecido empresarial galego”.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia