Ir o contido principal
iniciar sesión

Convócase a proba de 3º de Primaria para o 27 e 28 de maio, sen efectos no expediente académico

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria convoca para os días 27 e 28 de maio as probas de avaliación individualizada de 3º de Primaria que establece a LOMCE e na que participarán arredor de 22.000 nenos e nenas dos centros docentes de toda Galicia. O Diario Oficial de Galicia publicará o xoves, día 30 de abril, a Resolución na que se especifica, de xeito detallado, o desenvolvemento desta proba, e que xa se pode consultar no portal web da Consellería, no enderezo http://www.edu.xunta.es/web/node/14761 .

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, explicou que o obxectivo desta avaliación individualizada é comprobar –tal como establece a LOMCE- o grao de dominio das destrezas, capacidades e habilidades en expresión e comprensión oral e escrita e en cálculo e resolución de problemas. Ademais, no caso de Galicia, a competencia lingüística avaliaranse de xeito integrado tanto en galego como en castelán, é dicir, nas dúas linguas oficiais. Ademais, non se trata de medir os coñecementos dos alumnos/as canto a materias específicas, senón as súas destrezas nas áreas de comunicación lingüística e matemática.

Cómpre salientar que estas probas que se poñen en marcha por primeira vez agora en 3º de Primaria están configuradas de xeito moi similar á avaliación de diagnóstico que viñan realizando ata o de agora os alumnos de 4º curso de Primaria.

Nesta liña, o conselleiro de Cultura e Educación insistiu nunha mensaxe de tranquilidade aos pais, nais e titores e ao conxunto da comunidade educativa, xa que os resultados das probas non terán efectos académicos, e non se establecerán rankings de centros.

Cómpre subliñar, por tanto, que non se trata de ningunha reválida xa que non é unha proba de final de etapa, non computa a efectos de ningunha cualificación e non se avalían materias específicas senón algunhas competencias concretas.

Pola contra, é unha avaliación individualizada de carácter informativo e orientador para o alumnado, para os centros, para as familias e para a Administración educativa; e tamén unha proba diagnóstica cuxos resultados servirán para mellorar os procesos de docencia e de aprendizaxe.

É dicir, dunha banda, estas probas aportarán información individual de cada alumno e alumna, coadxuvando á detección precoz de dificultades na aprendizaxe. Doutra banda, aportarán información e orientarán aos centros educativos para que, en función dos resultados obtidos polos seus alumnos, cada centro revise e, se fora o caso, adoite medidas necesarias para mellorar os seus procesos educativos.

Execución e corrección das probas

A Consellería de Cultura e Educación encargarase de proporcionar aos centros o apoio necesario (tanto material como soporte informático) para materializar as probas. Deste xeito, disporanse cadernos (en formato papel) para cada unha das competencias obxecto de avaliación, así como cuestionarios de contexto para profesores, dirección do centro, alumnado e as súas familias.

Na liña das avaliacións de diagnóstico que se facían en 4º de Primaria, os centros encargaranse de planificar e coordinar a avaliación individualizada de 3º, para o cal en cada centro se creará unha comisión de coordinación.

Con carácter xeral, as probas deberán ser corrixidas por profesores/as que non impartan clase nas materias relacionadas coas competencias obxecto da proba aos alumnos/as avaliados, e os centros disporán ata o 5 de xuño inclusive para corrixir as probas.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia