Ir o contido principal
iniciar sesión

Protexendo o Camiño chega ás escolas da man de Turismo de Galicia para difundir os valores xacobeos entre os máis cativos

Turismo de Galicia desenvolve un programa de actividades de difusión do Camiño de Santiago para escolares.

O programa “Protexendo o Camiño” desenvolverase en escolas ou centros culturais de 40 municipios galegos percorridos polos diferentes itinerarios da Ruta Xacobea.

O obxectivo é promover os valores do Camiño e o fenómeno da peregrinación entre os máis cativos dos municipios por onde transcorre a Ruta Xacobea.

“Protexendo o Camiño” contará as aventuras dun neno e unha nena, Iago e Peregrina, debuxante e fotógrafa, que realizan o Camiño de Santiago tentando protexer as rutas dos riscos que poden sufrir –lixo, feísmo, falta de civismo, etc.-

En cada centro os nenos reflexionarán, dun xeito lúdico, sobre a responsabilidade de toda a comunidade coma protectora do Camiño. Así mesmo, identificarán os ricos existentes e propoñerán posibles solucións a estes problemas.

Durante cada acción, os nenos escoitarán un conto, debuxarán e farán diversas actividades e postas en común para entre todos e todas artellar unha rede protectora e cultural do Camiño de Santiago.

Deste xeito, os cativos dos centros de ensino, bibliotecas e centros culturais, coñecerán, dun xeito divertido, o Camiño de Santiago e valorarán o seu poder cultural, económico, patrimonial e social.

Ademais, a través do programa, Turismo de Galicia facilitará aos docentes dos centros educativos actividades didácticas para que poidan continuar traballando os valores de respecto e a posta en valor do Camiño coma fonte de cultura, patrimonio e riqueza económica.

As actividades desenvolveranse nas sete rutas do Camiño de Santiago, nun total de 40 municipios galegos, e rematarán na meta da Ruta Xacobea, Santiago de Compostela. A primeira delas terá lugar mañá xoves 30 de abril en Ames.

No Camiño Francés desenvolveranse un total de 11 actividades nos municipios de Pedrafita do Cebreiro, Triacastela, Sarria, Samos, Paradela, Portomarín, Monterroso, Palas de Rei, Melide, Arzúa e O Pino; no Camiño Portugués un total de 10 actividades que levarán o programa a Tui, Porriño, Redondela, Soutomaior, Barro, Pontevedra, Valga, Pontecesures, Caldas de Reis e Padrón; no Camiño do Norte 4 actividades en Ribadeo, Lourenzá, Vilalba e Sobrado dos Monxes. No Camiño Primitivo 2 actividades en A Fonsagrada e Lugo; no Camiño Ingles 4 actividades en Ferrol, Betanzos, Pontedeume e A Coruña; no Camiño da Plata 4 actividades en Ourense, Cea, Lalín e Silleda; e no Camiño de Fisterra 4 actividades Ames, Mazaricos, Muxia e Fisterra, para rematar cunha actividade final en Santiago de Compostela.

As diversas actividades serán desenvolvidas por Polo Correo do Vento, un colectivo especializado na creatividade artística do público máis novo.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia