Ir o contido principal
iniciar sesión

A Universidade de Santiago e o Centro de Transfusión de Galicia promoven a doazón de sangue entre os estudantes por medio de mensaxes a móbiles

Alumnos das Facultades de Medicina e de Ciencias de Educación do Campus Norte así como das Escolas de Enfermería e Traballo Social recibirán estes días nos seus móbiles unha mensaxe na que se lles convida a participar na campaña de doazón de sangue que o Centro de Transfusión de Galicia desenvolve en distintos puntos do Campus de Santiago.
Doa sangue. Martes 1 e Mércores 2 de Marzo. Unidade móbil na Facultade de Medicina 9.30-14.30 e 15.30-21.00 h. A solidariedade está dentro de tí. USC/CTG, é o texto que os alumnos suscritos ao servizo de mensaxería SMS da USC recibirán nos seus móbiles. Esta iniciativa proseguirá cun segundo envío a alumnos doutros centros xa que a campaña de doazón proseguirá o xoves, día 3, na Sala de Xuntas da Facultade de Química, de 10:00 a 14:30 e de 15:30 a 21:00 horas.
Durante o primeiro trimestre do actual curso 2004-2005 se realizaron 1.495 doazóns de sangue na USC, cun incremento do 5 por cento respecto ao mesmo período do curso anterior, se ben no conxunto das universidades galegas se produciu un descenso do 1,5 por cento.

Envio SMS
Esta iniciativa está enmarcada no conxunto de actividades previstas no convenio asinado entre a USC, Vodafone e Ayco para o fomento de servizos de comunicación de información á comunidade universitaria a través da telefonía móbil. A difusión de información de interese para os membros da comunidade universitaria a través de mensaxería SMS é unha iniciativa de carácter pioneiro nos ámbitos galegos e estatal, acadando unha grande acollida no seo da comunidade estudantil, xa que o 50 por cento dos estudantes matriculados na USC se acolleron ao sistema.
Aínda que a información máis importante comunicada por esta vía aos estudantes é a referida ás cualificacións, o sistema abre as portas tamén ao envío de información académica, de servizos, ou de carácter social como a enviada estes días para a captación de doantes de sangue.
Gabinete de Comunicación USC