Elijomisartistas.com preséntase cun concerto benéfico de Jacobo Paz

Elijomisartistas.com, empresa seleccionada polo programa Open Future da Xunta de Galicia e Telefónica, propón un innovador xeito de organizar eventos culturais, que se levan a cabo despois de ter conseguido o interese dos destinatarios. Estes teñen que reservar a súa entrada de antemán, co obxectivo de propiciar a actuación na súa localidade dos artistas rexistrados previamente na plataforma web. Garántese, así, a máxima ocupación nas actividades, que comezan a producirse unha vez obtida a demanda suficiente para completar ou superar o seu custo.
O público decide
Deste xeito, conséguese incidir de forma directa na dinamización cultural de cada concello, ao tempo que se concede un papel protagonista ás preferencias do cidadán e se colabora con causas benéficas, empresas e institucións.
Elijomisartistas.com, compañía que coordinan desde A Coruña Roberto Caínzos e Javier Capelán, pero activa para toda España, está a desenvolver na actualidade unha primeira fase de implantación cara a acadar a inscrición de máis de 5.000 artistas e de 50.000 usuarios na súa plataforma dixital. A súa meta é a promoción nun futuro dunha media de 1.100 eventos anuais
Volta aos escenarios con novo disco
O concerto de Jacobo Paz & Dos Mundos, que contará tamén coa participación de Al Vila como artista convidado, será o primeiro evento promovido en Santiago por Elijomisartistas.com. Suporá tamén o retorno aos escenarios do intérprete coruñés, quen volve poñerse á fronte da súa banda para presentar un adianto do seu último disco, actualmente en proceso de gravación, ademais de interpretar outros coñecidos temas anteriores.

Entre os logros de Jacobo Paz & Dos Mundos como formación, destaca o de gañar o II Concurso Rock da Deputación da Coruña. En 2012 sacaron ao mercado ‘23’, un primeiro traballo composto de cancións ‘rockeiras’ e frescas, con temas cheos de sentimento e letras poéticas que reflicten experiencias vitais, principal fonte de inspiración do autor.
As entradas para este concerto poden adquirirse ao prezo único de 6 euros a través do web www.elijomisartistas.com.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia