Ir o contido principal
iniciar sesión

#Nethinking consolídase como encontro de referencia na divulgación do mundo dixital

#NEThinking regresa os días 29 e 30 de maio á Illa de San Simón, no concello pontevedrés de Redondela, para celebrar a quinta edición deste foro de referencia baseado no debate multidisciplinar e aberto sobre o contorno dixital. Promovido pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a través da Secretaría Xeral de Cultura, #NEThinking botará a vista atrás ao longo deste último lustro para reflexionar sobre os cambios na internet, así como nos códigos, linguaxes, relacións e negocios no camiño virtual.

Con este fin, o encontro contará con algunhas das figuras máis influentes do escenario dixital, desde comunicadores e bloggers ata artistas, que conforman a “Comunidade #NEThinking” e que suma aos seus habituais compoñentes novas incorporacións.

Este ano enriquecerán o caudal crítico e creativo do encontro a investigadora e consultora Estrella Montolio, que introducirá o tema da chamada “linguaxe clara”. Tamén debuta o guionista e comunicador José A. Pérez Ledo e un dos principais influencers na blogosfera con mimesacojea. O fenómeno e os límites do humor na rede serán abordados por dous dos cómicos que máis partido teñen sacado da comedia en liña, Alberto Casado e Rober Bodegas. Outra das revelacións do contorno dixital, a revista ‘Jor Down’, terá a súa representación co columnista Manuel de Lorenzo. Tamén nesta edición volve sentar ante as cámaras de #NEThinking o escritor e analista Antón Losada, que centrará o debate sobre a información e a propaganda.

Grandes preguntas sobre o contorno dixital

Reflexións arredor de grandes preguntas sobre o contorno dixital como quen somos, de onde vimos ou cara a onde imos abrirán o encontro o 29 de maio, para continuar formulando unha nova cuestión, sobre a que se vén incidindo case desde os albores do xurdimento dixital: somos escravos das tecnoloxías? Xa na xornada do sábado, na que o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, visitará na illa o equipo #NEThinking, abordaranse outros temas que centran o debate actual como o uso que se lles dá ás redes sociais, os modos de escribir en internet, os límites do humor na rede ou a información e propaganda virtuais.

Entre os participantes deste ano tamén figuran artistas, creadores e comunicadores como a guionista, xornalista e escritora Raquel Martos, que para esta edición propón introducir no debate voces externas de xornalistas, políticos, communitys e usuarios anónimos de Twitter para saber como utilizan as redes sociais.

A quinta edición tamén contará de novo con recoñecidos e activos blogueiros como José Jiménez Moltó (Kurioso); editores de medios dixitais e expertos en redes sociais como Ismael El-Qudsi (IntrernetRepublica) ou Eduardo Arcos Hipertextual); consultores como Mario Tascón (Prodigioso Volcán) e Antonio Delgado (@redada); así como o director xeral da Fundèu, Joaquín Müller; o director de Zona Noroeste da SGAE, Juan Carlos Fdez. Fasero, e os profesores Miguel Ángel López (Hematocrítico) e Joaquín Rodríguez.

Seguimento en todo o mundo a través da rede

O seu poder de convocatoria, o singular formato e o xeito de abordar os temas situou o encontro #NEThinking –promovido pola Secretaría Xeral de Cultura e coordinado por Tres Laboratorio de Ideas y Comunicación– como referencia no panorama divulgativo sobre o mundo dixital, con ampla pegada en Twitter e eco en máis de 30 países a través do streaming.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia