Ir o contido principal
iniciar sesión

Arranca o programa de verán Atardecer no Gaiás con Puma Pumku, Amatria e The Lákazans

A consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria ponlle banda sonora ao verán galego con Atardecer no Gaiás, vinte e catro actuacións en pequeno formato para gozar da música ao caer do sol. A quinta edición do ciclo de concertos da Cidade da Cultura arranca este xoves, 2 de xullo, coa actuación da banda local Puma Pumku. Esta primeira semana completarase co pop electrónico de Amatria e o soul de The Lákazans.

A praza central do Gaiás será unha vez máis o escenario dun Atardecer no Gaiás que contará con grandes nomes como León Benavente, La Habitación Roja, Flamingods ou Is Tropical. Todos os xoves, venres e sábados, a partir das 21:00 horas e con entrada de balde, a Cidade da Cultura ofrece a mellor música do momento.

Rock, electrónica e soul

A festa comeza o xoves, 2 de xullo, co rock psicodélico de Puma Pumku. Amadeo Varela, Guillermo Cavero -Pamper-, Francisco Varela, Óscar Raña -Pulpo- e Álvaro Dosil -Coque- ofrecen guitarras que se entralazan en loops infinitos e voces que falan de mundos que non están neste. Ao Gaiás chegan con disco baixo o brazo: ‘Is It In You?’, unha declaración de intencións que destila enerxía, ambición e inquietude.

O venres será a quenda de Amatria, o proxecto persoal do músico, cantante, produtor e DJ Joni Antequera que cabalga entre a electrónica e as melodías pop. No Gaiás, Amatria ofrecerá unha sesión de “indietrónica” chea de cancións pop e xogos de bucles electrónicos, efectos e volúmenes.

E para acabar esta primeira semana de ‘Atardecer no Gaiás’, a praza central acollerá a mellor combinación de blues, soul e rock and roll do momento cos galegos The Lákazans. Á Cidade da Cultura traerán os temas do seu primeiro disco, ‘Homegrown’, co que farán bailar ata o máis aburrido.

Último bus ás 22:45 horas

Todos os concertos de ‘Atardecer no Gaiás’ son de balde e comezan ás 21:00. No caso de que o tempo non acompañe, as actuacións trasládanse á Sala Eisenman. E para os que non queiran perder nada dos concertos e non depender do coche, Tussa pon en marcha un servizo especial de bus urbano, cunha última baixada do Gaiás ás 22:45 horas.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia