Ir o contido principal
iniciar sesión

Galicia asume en Bruxelas a representación das comunidades autónomas en materia de xuventude

Galicia está a exercer en Bruxelas, neste segundo semestre do ano, a representación das comunidades autónomas españolas en materia de xuventude. En concreto, Galicia asume a representación autonómica dentro da delegación de España que participe nas reunións do Consello de Ministros da Unión Europea dentro da formación do Consello de Educación, Cultura, Xuventude e Deportes.

A directora xeral de Xuventude e Voluntariado, Cecilia Vázquez, participou en Bruxelas na sede do Consello da Unión Europea na primeira reunión deste semestre do grupo de traballo de xuventude.

Esta representación implica a participación e coordinación técnica nos grupos de traballo preparatorios do Consello de Ministros, co obxecto de seguir os asuntos e informar ao resto de comunidades autónomas sobre os avances nas negociacións dos expedientes lexislativos. Implica, así mesmo, a coordinación coas conselleiras sectoriais e autonómicas na Representación Permanente de España ante a Unión Europea (REPER)

Ademais, corresponderalle á Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado a elaboración dunha proposta de posición común autonómica en base aos temas a debater no Consello, un texto que será consensuado e aceptado por todas as comunidades autónomas.

As prioridades do programa de traballo da Presidencia, que corresponde a Luxemburgo neste período, en ámbito de xuventude son: a adopción dunha recomendación sobre a participación política dos mozos e mozas; a adopción dun informe de Xuventude 2015 proposto pola Comisión Europea; e a adaptación do novo Plan de traballo da Unión Europea para os anos 2016-2018.

Este tipo de participación autonómica favorece a defensa dos intereses das comunidades autónomas, ofrece a oportunidade de intercambiar experiencias con socios comunitarios nos seus respectivos ámbitos, así como establecer unha rede de traballo a nivel europeo.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia