Ir o contido principal
iniciar sesión

Lamatumbá presenta: Lume (para que saia o sol): 13 cancións de amores e conciencia

LAMATUMBÁ presenta a narración dunha historia de lume e de soles. Un conto que quenta o corazón e move os pés. Que enche os nosos oídos con músicas traídas de todos os lugares do mundo. Veñen a bordo dun barco que se move sen fin por un océano de lume. Esta peculiar singradura parte de Andoain –Gipuzkoa- en outono de 2004, concretamente dos Garate Studios de Kaki Arkarazo, quen se encargou da grabación e producción, xunto aos membros de LAMATUMBÁ. Jesús Arispont (DEF CON DOS) é o responsable de masterizar o novo traballo da banda galega, que chegará ás tendas coa primavera e ven editado polo selo galego FALCATRUADA imaxe e música. A tripulación está formada por Ico (voces),
Samuel Agite e Ángelo Gafas (ventos), Cris Asenjo (acordeón) Carlos Puntxa e Adrián Txitxas (percusión) Toño Moucho e Abraham El Niño (guitarras) e Pedro Feijoo (baixo). Ademais contribuiron a dar forma ao proxecto artístico grandes músicos, grandes amigos: a voz de Guadi Galego, o acordeón e voces de Manolo Maseda e Lola de Ribeira, o saxo de Iván Varela, a meteoroloxía de Bea Hervella ou a espectacular presentación do actor galego Fernando Dacosta. LAMATUMBÁ pode ser considerada como unha das propostas máis frescas
e irreverentes do actual panorama musical galego. Unha mestura orixinal de reggae, samba, rumba e rock que sorprende polo seu carácter propio. Dende 1998 o seu nome é sinónimo de festa alí por onde pasa. Ese ano prodúcese o seu debut artístico no mítico O Moucho de Ourense e colaboran na Feira das Mentiras, festival organizado por Manu Chao en Santiago de Compostela. En 2001 edítase o seu primeiro disco Pachangüilanuí, polo selo Xingreira de Ourense. A festa expándese durante dous anos, con concertos en festivais de Galicia, Madrid, Castela, Andalucía... onde comparten escenario co propio Manu Chao, con Mau-Mau, Hechos Contra el Decoro, Nilo Mc... O seu tema Licor Café, himno de festas, inclúese na música orixinal da serie da TVG Terra de Miranda. En 2003 entran de novo en estudio. Pedro Feijoo e o propio grupo producen cinco novos temas, gravados en Muu! estudios de Vigo
durante o mes de novembro. 2004 ven marcado pola xira conxunta por todo o estado cos arxentinos Bersuit, que os leva a tocar a salas como RAZZMATAZZ en Barcelona ou ARENA en Madrid. Pódese dicir que LAMATUMBÁ está patroneada polo espírito do Cuco de Velle, un nome sempre presente na inspiración creativa da banda. Un músico que forma parte da memoria musical de Galicia. Pero esta historia aínda ten moitos capítulos por escribir. Quedan aínda lugares cara onde moverse. LAMATUMBÁ demóstrao con LUME (para que saia o sol) un disco sincero e moi persoal que arrecende a mares tropicais e a rías galegas. Que desprende o aroma dun día de festa maior, cando sonan as charangas, aló polo lusco e
fusco… …mozos e vellos… rapaces e rapazas… a festa vai comezar…lume!!!
Lanzamento: o 24 de marzo
Datas de Presentación:
- Sala Náutico: O Grove (xoves, 24 de marzo)
- Sala DZine: San Sadurniño (venres, 25 de marzo)
- Sala Galaecia: Muíños (sábado, 26 de marzo)
- Sala Capitol: Santiago de Compostela (xoves 31 de marzo)
- Sala Clavicémbalo: Lugo (venres, 1 de abril)
- Sala Starlux: Pontevedra (sábado, 2 de abril)
- Sala La Iguana: Vigo (venres, 8 de abril)
- Sala Mardigrás: A Coruña (sábado, 9 de abril)
- Sala Gruta 77: Madrid (xoves, 28 de abril)

Contacto e Contratación: www.lamatumba.com/info@lamatumba.com
Lamatumbá