Ir o contido principal
iniciar sesión

As mellores obras do concurso InvestigArte exhíbense no Colexio de Fonseca da USC

Trinta imaxes que transmiten unha visión artística da ciencia e a tecnoloxía conforman a mostra itinerante que o mércores 29 de xullo se inaugura ás 18.00 horas no claustro baixo do Colexio de Fonseca. As obras foron seleccionadas entre as 209 recibidas para participar no concurso InvestigArte que por terceiro ano consecutivo organiza a Asociación Galega Xuvenil de Divulgación Científica ‘DivulgActiva’ en colaboración coa USC, a Fundación Barrié a través de educaBarrié, a Fundación Ramón Domínguez e a UDC. Colaboran ademais a revista Investigación y Ciencia, Ingenyus e Roche.

Entre as obras que se expoñen figuran as gañadoras do concurso, que nesta terceira edición se consolidou fortemente tanto en número de imaxes recibidas como de visitas á web. Na sección de educación o premio á mellor fotografía foi para ‘Azul sulfato’ de Beatriz González Ponte, do IES Monelos da Coruña, mentres que o mellor vídeo foi ‘La infección vírica’ de Claudia Antepazo Durán, do IES As Barxas de Moaña. O premio á mellor ilustración recaeu en Noelia Tinoco Lacomba, da Escola Rosalía de Castro de Vigo, por ‘Danza de neuronas’ e a obra máis votada na web foi ‘Cristalización Polar’ dos alumnos Christian Núñez Gómez e Victor Pérez Noya do IES da Pastoriza.

Na sección de investigación, na categoría macrofotografía, fíxose co primeiro premio ‘COLor-eARTE’, do alumno da Facultade de Ciencias de Lugo Wajih Al-Soufi, mentres que o segundo foi para ‘Gota bailarina’ de Mario Hoyos, do Instituto de Ciencia e Tecnoloxía de Polímeros (ICTP) do CSIC. O primeiro premio da categoría microfotografía correspondeulle a ‘Escaleras de Escher’ de Josue Friedrich Kernahany e colaboradores, da Universidade Autónoma de Madrid, e o segundo foi para ‘Canicas’, de María Carbajo Sánchez, da Universidad de Extremadura. Nesta sección a obra máis votada polo público no web é ‘¿Es la misma célula tumoral? Sí, o ¿tal vez no?’, de David Hevia Sánchez, da Universidade de Oviedo.

Finalmente, e grazas á colaboración da empresa no concurso, este ano instaurouse o Premio Roche, que gañou ‘Una Galaxia en una Célula’ de Ángel Fernández Trasancos, da Fundación Ramón Domínguez.

Na inauguración está prevista a participación das vicerreitoras de Investigación e Innovación e de Estudantes, Cultura e Servizos á Comunidade Universitaria da USC, Isabel Rodríguez-Moldes Rey e Dolores Álvarez, respectivamente; o director de Xestión e Valorización de I+D+i da USC, Rogelio Conde-Pumpido; a directora da Fundación Ramón Domínguez do IDIS, María Gómez Reino; e o director xeral da Fundación Barrié, Javier López Martínez.

A exposición permanece aberta ata o 12 de setembro de luns a sábado de 9.00 a 21.00 horas.

Gabinete de Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela (USC)