Ir o contido principal
iniciar sesión

Argos pecha a finais de setembro o prazo para atopar integrantes para os seus equipos emprendedores

Tomando como eixo o traballo en equipo e unha estratexia de ‘aprender facendo’ o programa Argos mantén aberto ata o 25 de setembro o prazo de inscrición da súa edición correspondente a 2015, nunha iniciativa conxunta da Área de Valorización, Transferencia e Emprendemento da USC (AVTE) e da incubadora de empresas Uninova coa colaboración das facultades de Ciencias Económicas e Empresariais de Santiago e de Administración e Dirección de Empresas de Lugo.

O obxectivo desta convocatoria é conformar equipos interdisciplinares aos que se facilitará acompañamento e asesoramento no proceso de definición dunha idea de negocio ademais de avaliar a súa capacidade para chegar a constituír un proxecto empresarial convincente. O programa susténtase en tres ideas: a complementariedade de perfís persoais e profesionais no equipo; a presenza dun persoa con coñecementos de xestión empresariais; e o acceso á carteira de resultados de investigación da USC que poderá ser a base do seu plan de empresa.

Argos está dirixido a alumnado de posgrao, máster e doutoramento, titulados/as das últimas promocións, persoal ou colaboradores integrados en grupos de investigación e alumnado dos últimos anos de graos. Están previstas tres fases que comezarán en outubro coa participación en varias sesións informativas e de adestramento para o traballo en equipo. Nun segundo momento procederase á constitución dos equipos multidisciplinares con catro ou cinco integrantes. Finalmente, os equipos desenvolverán un plan de empresa titorizados por persoal do programa Argos para a súa presentación cara mediados de marzo ante un xurado.

Ao remate do programa, os plans entregados poderán optar a algunhas das dúas categorías de premios establecidas e dotadas con 3.000 euros cada unha (Argos Spin para proxectos baseados en resultados de investigación da USC e Argos Enxeño, para proxectos a partir de ideas propias) e seis meses de acceso gratuíto a espazos de incubación.

A inscrición pode facerse cumprimentando o formulario dispoñibles en www.uninova.org ou en http://www.usc.es/avte, que deberá remitirse por correo electrónico a argos@usc.es. As persoas interesadas poden acadar máis información nos teléfonos 881.815.593 / 596 / 576.
Gabinete de Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela