Ir o contido principal
iniciar sesión

Comeza en Santiago e Lugo o XI Festival Internacional de Teatro Universitario

Festival en Lugo

O Festival arrinca hoxe venres en Lugo coa representación, a cargo do Taller de Arte Dramática do Campus de Lugo, da montaxe ‘Nai?’ no Auditorio Municipal Gustavo Freire ás 22:00 horas. A adaptación desta novela de Máximo Gorki trasládanos a un mundo de imaxes transportables a situacións históricas que se repiten continuamente. A obra, na que participarán os catorce estudantes que conforman o Taller de Arte Dramática da USC en Lugo, fala da loita por sobrevivir mesmo na máis absoluta miseria física e espiritual.


Dirixida por Paloma Lugilde, nesta adaptación dase prioridade ás imaxes que o autor crea na nosa mente ao achegarnos á súa novela. Xógase coas súas metáforas e utilízanse momentos e reflexións da súa propia vida para a dramaturxia.


Na segunda xornada, o sábado día 12, ás 21:00 horas, a quenda será para ‘Ubu encadeado’, de Alfred Jarry, que será posta en escea polo grupo da Aula de Teatro da USC. Dirixida por Roberto Salgueiro, a representación ofrece a historia do Pai Ubu, exiliado en Francia coa súa muller, Nai Ubu, coa fin de converterse en escravo.


A creación colectiva que ía ser representada o domingo pola Universidade de Coimbra (Portugal) baixo o título ‘O teatro ambulante Chopalovicth’ finalmente non se celebrará pola baixa dun dos actores. Así, o Auditorio acollerá o luns 14 a posta en escea do Departamento de Drama da Universidade de Porto Rico que representará a partir das 20:30 horas a obra ‘El retablo de Maese Sancho’ de José Luis Ramos Escobar.



Festival en Santiago

O grupo Morgana Teatre da Universidade das Illas Baleares será o encargado de abrir o luns, día 14, en Santiago o XI Festival Internacional de Teatro Universitario. A posta en escea terá lugar ás 21:00 horas no Teatro Principal.


A obra, unha adaptación de Juan Enrique Ramón Balcells a partir da obra orixinal de Anthony Burgess, narra a vida de Álex, un mozo sen escrúpulos nin moral que nunha sociedade apática en aparente democracia decide, xunto a outros compañeiros, que a única forma de liberdade é a rebelión violenta contra o poder, convertindo a ultraviolencia no seu xeito de vida. Así, logo de cometer un crime e ser traicionado polos seus amigos chega ao cárcere onde é seleccionado polo goberno para experimentar a nova técnica de Ludovico, o condicionamento forzoso contra o sexo e a violencia. De aí xurdirá o dilema moral da obra que deberá dilucidar o espectador sobre a alienación do home ou sobre os recursos fríos e impersonais do poder contra o individuo violento.

Gabinete de Comunicación da USC