Ir o contido principal
iniciar sesión

Ourense celebra o III Torneo de Magic e Videoxogos con participantes de toda a península

O Concello de Ourense vén de presentar a terceira edición do Torneo de Magic e Videoxogos (TMV), que se celebra o 17 e 18 de outubro. O evento, que xa ten inscritos a máis de 230 participantes de toda a península, repartirá máis de 3.500 euros en premios, está organizado pola Concellería de Xuventude e as tendas especializadas Xogón e El Octavo Pasajero. O alcalde da cidade, Jesús Vázquez, quixo destacar dos dinamizadores do torneo "a súa ambición e esixencia á hora de afrontar os proxectos", ao tempo lles agradeceu "facer de Ourense o lugar no que ocorren esas pequenas utopías conquistadas a base de esforzo". Unha carpa no Centro Comercial Ponte Vella albergará todas as actividades en horario continuo de 10:00 a 22:00 horas.

Xunto co alcalde, participaron na presentación a concelleira de Xuventude, Sofía Godoy; o xerente do Centro Comercial Ponte Vella, Marcos Vila; e o responsable da tenda especializada Xogón, Alberto Núñez.

O TMV servirá de enlace para outros torneos internacionais, e terá no Premium Magic a súa principal atracción, este ano en formato Modern. O xogo de naipes coleccionables ten máis de seis millóns de participantes repartidos por ducias de países, e cada partida enfrenta a dous ou máis contrincantes. Ademais, "contén indubidables achegas educativas e sociais, así como unha boa influencia no desenvolvemento da comprensión, axilidade mental e creatividade persoal", en palabras da concelleira de Xuventude, Sofía Godoy. Nesta terceira edición repartirá máis de 1.800 euros en premios, o que o converte nun dos mellores torneos da península. Na parte dos videoxogos, o FIFA 16 é o representante significativo como torneo competitivo, xogo de simulación futbolística por excelencia. Haberá 875 euros en premios para os gañadores.

As novidades deste ano corren a cargo de dous xogos de estratexia: Krosmater Arena e Star Wars X-Wing. Unha modalidade que non para de gañar adeptos, a primeira, e un clásico das batallas intergalácticas basadas na famosa seria da Guerra das Galaxias, o segundo, que repartirán un botín de 600 euros. Fóra destas diferentes competicións, haberá tamén actividades gratuítas: dous campionatos gratuítos de xogos Indie e oito posto de democonsolas coas últimas novidades do mercado de ocio electrónico en diferentes plataformas como WiiU, PS4 e Xbox ONE.

Ourense Xove, a oferta de ocio para maiores de 15 anos

A Concelleríad e Xuventude aproveitou a presentación do III TMV para introducir a súa oferta de cursos e obradoiros "Ourense Xove 2015", destinados ao público nacido antes de 2000. Procura estimular e favorecer a participación social dos máis novos a través dunha actuación lúdico-educativa. A liña da oferta formativa quere garantir unha aprendizaxe activa e creativa mediante a adquisición de habilidades tranferibles a diversas áreas profisionais e artísticas. “Búscase desenvolver e afianzar a madurez persoal mediante a adquisición de hábitos e capacidades que lles permitan participar como traballadores e cidadáns responsables, no seu traballo e na sua actividade social e cultural”, concluíu a concelleira Sofía Godoy.

As actividades desenvolveranse maiormente no Espazo Lusquiños da Mocidade en horarios de mañá e tarde, distribuíndose en varias áreas de formación: Fomento e empregabilidade, idiomas, cociña, lecer, expresión e arte, ou asociacionismo. Así, poderemos atopar cursos de Monitor de Tempo Libre, Cociña saudable para o Nadal, Impresión 3D, Introdución ao alemán para a búsqueda de emprego, Edición profisional de vídeo con Home Studio ou un roteiro micolóxico.

Hai máis de 300 prazas dispoñibles, para as que haberá que anotarse, desde hoxe xoves, na propia Concellería de Xuventude, praza de San Martiño 2-baixo, ou a través do teléfono 988 388 154 ou do enderezo electrónico xuventude@ourense.es. A maioría dos cursos son gratuítos, e a admisión farase por rigorosa orde de entrega das solicitudes.
Gabinete de Comunicación do Concello de Ourense