Ir o contido principal
iniciar sesión

A USC promove un concurso de lemas contra a violencia de xénero en 140 carácteres

A Oficina de Igualdade de Xénero e o Servizo Universitario de Residencias da USC (SUR) convocan o segundo Concurso de Lemas contra a violencia de xénero dirixido ao alumnado residente dos colexios maiores e residencias que integran o SUR no presente curso. Esta é unha actividade promovida entre os actos conmemorativos do 25 de novembro, Día Internacional para a eliminación da violencia contra as mulleres. O prazo para a recepción de propostas remata o 13 de novembro.

O obxecto da convocatoria é a creación de lemas para a campaña de sensibilización, elaborados en galego e que sexan orixinais e inéditos, cunha extensión máxima de 140 carácteres. Os lemas enviaranse por correo electrónico á Oficina de Igualdade de Xénero da USC (oix@usc.es), indicando no asunto da mensaxe ‘Lema contra a violencia de xénero). A proposta deberá enviarse en formato PDF como documento adxunto no formulario de participación segundo o modelo que figura na web do OIX.

O xurado, conformado por persoas con experiencia no estudo de temas de igualdade de xénero e violencia contra as mulleres, seleccionará un lema gañador por cada residencia ou colexio maior ao que se outorgará un premio en metálico de 100 euros e diploma acreditativo. O proceso do concurso poderase seguir a través do sitio web da Oficina de Igualdade de Xénero, onde se publicará o listado de participantes, a composición do xurado, as persoas que resulten gañadoras, así como a fotma de entrega de premios.
Gabinete de Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela (USC)