Ir o contido principal
iniciar sesión

A igrexa da USC acolle unha mostra de 32 proxectos creativos do Xuventude Crea

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez, inaugurou na Igrexa da USC a exposición dos proxectos finalistas das especialidades de artes plásticas e fotografía do certame Xuventude Crea organizado pola Consellería de Política Social. A mostra, que permanecerá aberta desde hoxe ata o vindeiro 28 de novembro, inclúe un total de 32 proxectos creativos: 16 na especialidade de fotografía e outros tantos na de artes plásticas que comprende pintura (9) e escultura (7). Cecilia Vázquez definiu ao Xuventude Crea como “un certame de creadores novos que estimula e apoia o talento, a imaxinación e a creatividade dos mozos e mozas galegos”. Nesta liña asegurou que “desde a Consellería de Política Social apostamos polo talento e desenvolvemento da creatividade xuvenil, polo establecemento de vías de respaldo aos proxectos creativos e innovadores da mocidade galega”.

Na modalidade de escultura mostrarán os seus proxectos creativos: Silvia Capelo Álvarez coa obra ‘Trazos físicos da Terra’; Adrián Taracido Fernández co traballo ‘Diafanía’; María Isabel Carril Quiroga coa escultura ‘Grane’; Adrián Penido Núñez coa obra ‘Conciencia plástica’; Sara Álvarez Otero co proxecto ‘Cinco sobre un’; Beatriz Sieiro Caramés coa escultura ‘Sen ti’; e Carla Souto Rodríguez coa obra ‘O vento na pel’.

No apartado de pintura a exposición inclúe as obras: ‘Noticiario das 15:00 h’ de Raquel Currás García; ‘Puzzle de fluidofaunorostros’ de Carlos Copa Josenge; ‘Vida detida: sombras e ondas’ de Alejandro Lorenzana Velasco; ‘Remigio’ de Javier Sande Iglesias; ‘Mandalas’, de Matías Nahuel Sinopoli Buceta; ‘Acechando’, de Sheila Marina Couselo Rial; ‘4 ensoñacións’ de Marina González Guerreiro; ‘Habitar, erosión e ruína’ de Ruth Miguel Díaz; e ‘Amplía miras’ de Lara Torres Rodríguez.

Na especialidade de fotografía mostrarán os seus traballos: Alejandro Lorenzana Velasco, con ‘Outro punto de vista’; David Soler Berini, coa obra ‘Xeometrías’; María Rosario López Sánchez co proxecto ‘Do ermo’; Minia Banet Fraga coa obra ‘Metamorfose’; Breogán Alamancos Millán con ‘Galiza is different’; Estefanía Andre Feijóo, co proxecto ‘Pegadas’; Adrián Penido Núñez coa obra ‘Conciencia plástica’; Aarón Rodríguez Varela con ‘Artabro vertical’; Carla Pérez Vázquez coa obra ‘Espellos. Espazo de reflexión’; Bieito Silva Porti co proxecto ‘Ascender’; Lara Torres Rodríguez co traballo ‘Poemas obxecto’; Elena Pérez Arda López coa obra ‘Einwegkamera (cámara dun so uso)’; Sofía Hidalgo Moldes con ‘Pretérito ulterior’; Sheila Pazos Silva coa obra ‘Vivir nas nubes II’; Natalia Boo Vázquez co proxecto ‘A terra. Amencer e solpor’; e Tania Cuíña Gómez coa obra ‘Recordo’.

O certame ‘Xuventude Crea’ convoca cada ano concursos en once especialidades: teatro, música, artes plásticas, fotografía, deseño de xoias, banda deseñada, relato breve, poesía, moda, videocreación e graffiti. Na edición de 2015 de Xuventude Crea presentáronse un total de 228 proxectos individuais e en grupo. Participaron máis de 300 mozos e mozas galegos ou en residentes en Galicia, non profesionais e con idades comprendidas entre os 16 e os 30 anos.

Na súa intervención Cecilia Vázquez lembrou que este vindeiro xoves 12 de novembro celebrarase a final da especialidade de música, na que reproducirán en directo as súas cancións os seus grupos finalistas: Christian Abal & The White Serpas; Axlubi-X; Ofmates; Umbra; Fripp & Kitte; e Diariodeverano.

Ademais, ao longo deste mes de novembro terá lugar a final da especialidade de deseño de xoias na Fundación Eugenio Granell de Santiago que se sumará ás xa decididas nas disciplinas de poesía, graffiti, videocreación, teatro, moda e as de fotografía, artes plásticas e música que están en marcha. O acto final de entrega de premios das 11 especialidades terá lugar o próximo 3 de decembro.

No que atinxe á modalidade teatral, Vacaloura teátrica (O Rosal) coa obra ‘Mousike e as kronomusas’ recibiu o primeiro premio; o segundo foi para Pinchacarneiro teatro (Noia) pola representación ‘Vilar de inferno’; e o terceiro premio foi compartido entre Non si? Teatro (Baiona) co proxecto ‘Variacións dun soño sen título’ e Fusco e Lusco do IES Universidade Laboral de Ourense coa obra ‘Vodas de sangue’.

Na especialidade de moda, o primeiro premio foi para a colección ‘Jane Rocks’ de Irene Muiños Pereira (Mos); o segundo para Yolanda Román Vázquez (Vigo) pola obra ‘Militante vanguardista’ e o terceiro premio para Iria Carrera Chapela (Vigo) por ‘#Tags for life’.

En videocreación, Inés Miras Vieites (Santiago) recibiu o primeiro premio polo proxecto ‘Volta atrás’; Denisse Lorenzo Hermida (Vilalba) o segundo por ‘Alén das pantallas’; e Estela Suárez Recouso con ‘Extrusión social’ recibiu o terceiro premio.

En poesía, o primeiro premio foi compartido entre Brais Lamela Gómez, (Vilalba), coa obra ‘Memorias dun cuarto afincado en Nevermore’ e Mónica Sánchez Rodríguez (Monforte de Lemos) polo poemario ‘O sosego do lodo’. O segundo premio, tamén compartido, recaeu en Andrea Aris Couso (Vigo) pola obra ‘3/cuartos de fame’ e en Sonia Martínez López (Sarria) por ‘Interacións fundamentais’. E o terceiro compartido foi para Fabián Freijedo Fariñas (O Carballiño) con ‘00023-KZ Arquivo Chus Psiquiatría’ e para Celia Parra Díaz (Ourense) pola obra ‘Profundidade de tacto’.

En graffiti, o primeiro premio recaeu en Ramón Conde-Corbal Varela (Mon Devane) de Ourense, co proxecto ‘Festa neón’; o segundo premio en Tirso Paz Sans (Bublegum) de Lugo coa obra ‘Mirada melosa’ e o terceiro premio foi compartido entre: Marcos Lamas Bestilleiro (Silcoe) da Coruña por ‘O rostro do querer’ e Abraham Caride Fernández (O neto do Santos) de Ourense con ‘Enxebre’.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia